Luis López dálle a benvida a Belén Cachafeiro ao Goberno provincial, no que María Ramallo asumirá Cooperación Local e Alejandro Lorenzo, Emerxencias

A nova deputada, que ocupa o lugar deixado por José López, asume a xestión de Fondos Europeos, Innovación e Axenda Dixital

19/04/2024

Luis López dálle a benvida a Belén Cachafeiro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres dunha reestruturación mínima do Goberno provincial motivada pola saída do xa exdeputado e novo conselleiro de Cultura, Política Lingüística e Xuventude da Xunta de Galicia, José López. As súas competencias, Cooperación Local e Emerxencias, asúmenas María Ramallo e Alejandro Lorenzo, respectivamente. Mentres que a súa substituta, Belén Cachafeiro, encargarase do Departamento de Fondos Europeos, Innovación e Axenda Dixital, que ata agora xestionaba Ramallo. "Con estes axustes, queda configurado un equipo de enorme nivel para seguir transformando a provincia", afirmou o presidente, Luis López.

O mandatario provincial aproveitou a súa comparecencia para darlle a benvida á nova deputada, Belén Cachafeiro, que ocupará o lugar de José López ao figurar como suplente na lista do Partido Popular no partido xudicial de Tabeirós-Terra de Montes.

Así mesmo, o presidente da Deputación recoñeceu publicamente o inmenso labor desempeñado polo novo conselleiro como responsable das áreas de Cooperación Local e Emerxencias. "O +Provincia, o plan de obras e servizos máis alto da Deputación, coas súas novidades respecto á liña 4 de proxectos de futuro ou o criterio de repartición por reto demográfico leva a súa sinatura de xestión e talento, xunto cun talante que contribuíu a atopar saídas ás reclamacións dos bombeiros", agradeceu Luis López.

"Galicia e a provincia necesitan xestores coa bagaxe contrastada de José López, así que desde aquí desexámoslle toda a sorte", concluíu o presidente da Deputación.

videos

audios