Luis López recoñece o “completo acerto” do +Xuventude, a liña de subvencións que financia con 120.000 euros os proxectos de 22 agrupacións xuvenís da provincia
O mandatario provincial, acompañado polo deputado de Xuventude, Jorge Cubela, presenta no salón de plenos os proxectos beneficiarios desta novidosa iniciativa da Deputación que fomenta o emprendemento xuvenil con axudas de 1.000 a 5.000 euros
01/10/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñece o Plan +Xuventude, o novidoso proxecto de colaboración con agrupacións xuvenís da provincia que nesta segunda edición eleva o seu orzamento en 20.000 euros, ata os 120.000 euros; como un "completo acerto" polo aumento tanto da participación como da calidade dos proxectos que experimentou. No salón de plenos do pazo provincial, reuníronse representantes das vinte dúas propostas recoñecidas neste programa —cinco máis que o ano pasado— para dar a coñecer a través dunha peza audiovisual os detalles dos proxectos beneficiarios, que recibirán subvencións de entre 1.000 e 5.000 euros por parte do organismo provincial.
"Cunha xuventude que aposta tanto e con tanta forza pola súa provincia, a colaboración da Deputación non nin un agasallo nin unha obriga. É un verdadeiro privilexio estar ao voso carón e acompañarvos no desenvolvemento dos vosos proxectos", declarou o mandatario provincial para manifestar "o agradecemento e admiración" da Deputación aos responsables destas propostas. O encargado de darlle a benvida ao Pazo provincial aos beneficiarios deste Plan foi Jorge Cubela, o deputado responsable do departamento de Xuventude na Deputación. "Somos moi conscientes de que para que a provincia vaia a máis, vós tedes que ser partícipes do proxecto. E creo que nestes dous anos que xa levamos ás nosas costas xa temos demostramos que estades moi presentes na nosa acción política", afirmou o deputado facendo referencia aos máis de 2,5 millóns de euros mobilizados polo goberno provincial en políticas de xuventude.
O acto de presentación dos proxectos beneficiarios do segundo plan de axudas +Xuventude da Deputación celebrouse no salón de plenos do Pazo provincial. Despois da benvida de Jorge Cubela, tivo lugar a proxección dun vídeo que serviu de presentación dos 22 proxectos beneficiarios. Ao remate, Sheila García, presidenta da Asociación Colectivo Espazo do Concello de Barro, tomou a palabra en representación dos seus compañeiros para salientar o importante apoio que supoñen estas axudas da Deputación para que mozas e mozos de toda a provincia, tanto agrupados en asociacións culturais como en empresas ou entidades de benestar social; poidan materializar proxectos de todo tipo e beneficiosos para o conxunto da sociedade.
"Mellorar a calidade de vida da veciñanza, ofrecer alternativas culturais en todo o territorio ou levar os mellores servizos aos 61 concellos das Rías Baixas son obxectivos que compartimos a Deputación e a mocidade da provincia", confesou o presidente Luis López antes de citar o nome de cada un dos colectivos beneficiarios para cuestionarse se os seus obxectivos coincidían ou non coas metas que persegue o goberno provincial. "A resposta é máis que clara: Por suposto que si", resolveu.
O Plan Estratéxico para a Xuventude, a punto
Un compromiso coa mocidade da provincia que se traduce en feitos como un investimento de máis de 2,5 millóns de euros en dous anos, a creación dunha área de goberno específica para a xuventude dotada este ano cun orzamento de 1,3M€, a concesión anual destas axudas do +Xuventude ademais da entrega dos Premios Provinciais da Xuventude, o lanzamento de certames novidosos como o "Pontevedra Literaria" ou a oferta de prácticas laborais en países da Unión Europea. Neste sentido, o presidente Luis López adiantou aos asistentes que o Plan Estratéxico para a Xuventude será aprobado de xeito inminente. "Será a folla de ruta que integre todas as políticas da Deputación en materia de xuventude", explicou o presidente para avanzar que unha das novidades que incorporará será a creación de aulas saudables en distintos centros de Educación Secundaria e unha oferta de obradoiros diversos para mozas e mozos de 16 a 35 anos.
"Vivimos nunha provincia extraordinaria, chea de mozos e mozas talentosos, sensibles e cunha forma rompedora de ver o mundo que vos fai igualmente extraordinarios. O voso traballo, intelixencia e humanidade é fonte de inspiración e marca o camiño de administracións como esta Deputación", concluíu o presidente, quen remarcou o agradecemento da Deputación por todas as achegas a este plan e a aposta firme pola colaboración e o apoio á mocidade. "Con persoas como vós, a provincia ten o futuro asegurado", rematou Luis López.
