Luis López anuncia a adxudicación das obras de mellora da seguridade da contorna dos polígonos do Campiño e da Reigosa, en Ponte Caldelas, por máis de 240.000 euros

O proxecto da EP-0004 Marcón-Pintos-A Reigosa, de preto dun quilómetro, é unha actuación estratéxica que xa fora solicitada polo alcalde durante o anterior mandato

20/03/2026

Luis López anuncia a adxudicación das obras de mellora da seguridade da contorna dos polígonos do Campiño e da Reigosa, en Ponte Caldelas, por máis de 240.000 euros

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres a adxudicación das obras de mellora da seguridade da EP-0004 Marcón-Pintos-A Reigosa por máis de 240.000 euros. Trátase dunha actuación estratéxica dentro da rede viaria provincial, xa que o tramo de actuación coincide coa contorna dos polígonos industriais do Campiño e da Reigosa, en Ponte Caldelas (concretamente entre os puntos quilométricos 3+300 e 4+200), e ao tratarse ademais dunha vía que une a localidade coa cidade de Pontevedra.

A grandes riscos, a actuación consistirá na reposición e na mellora do firme, no acondicionamento das cunetas existentes e na renovación da sinalización correspondente a este tramo da vía, co obxectivo de garantir unha circulación máis segura e cómoda nun treito estratéxico da rede provincial. A actuación xa fora demandada polo alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, durante o anterior mandato, e asumida polo goberno de Luis López. Os traballos teñen un prazo de execución previsto de catro meses.

2,1 millóns de euros para as estradas provinciais na Xunta de Goberno

A adxudicación das obras da EP-0004 forma parte dun paquete de medidas aprobado na sesión da Xunta de Goberno desta semana por un valor total de 2,1 millóns de euros para actuar en estradas provinciais dos concellos de Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e Sanxenxo. “Rara é a semana na que non traemos a esta Xunta de Goberno algunha novidade relativa ás estradas provinciais, e é que neste goberno tomámonos moi en serio o seu estado porque somos conscientes da súa importancia para os traslados que efectúan cada día os nosos veciños, e polo tanto da necesidade de que estean nas mellores condicións”, sinalou Luis López.

videos

audios