A Deputación e a Facultade de Belas Artes reflexionan no Museo de Pontevedra sobre dualidade e tránsito na exposición ‘Bifrontes’

Mañá mércores ás 19:00 h inaugúrase esta mostra, comisariada por Covadonga Barreiro e con obra de 16 artistas vinculados á facultade pontevedresa

17/11/2026

A Deputación e a Facultade de Belas Artes reflexionan no Museo de Pontevedra sobre dualidade e tránsito na exposición ‘Bifrontes’

A Deputación de Pontevedra a través do Museo de Pontevedra e a Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo colaboran nunha nova exposición artística que se inaugurará mañá mércores 18 de novembro ás 19:00 h no Edificio Sarmiento. Co título ‘Bifrontes’ e comisariada pola directora do departamento de Escultura da Universidade de Vigo, Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes, reúne a obra de 16 artistas vinculados a esta facultade. O tema en común é a dualidade e a idea de tránsito. A exposición poderá visitarse ata o 14 de febreiro.

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, e a directora do Museo, Ángeles Tilve, acompañaron á comisaria na presentación aos medios, na que percorreron a exposición instalada na segunda planta do Edificio Sarmiento. Domínguez salientou que “o Museo está a traballar dunha maneira poliédrica”, e entre as facetas que destacou é a de “incrementar as relacións co Belas Artes e o seu alumnado”. O vicepresidente incidiu en que “a relación entre o Museo e a Facultade é fundamental: teñen que convivir, teñen que discutir e dialogar; esta é unha das cousas máis bonitas e máis rupturistas que temos no Museo de Pontevedra”.

Pola súa parte, Ángeles Tilve explicou que ‘Bifrontes’ “continúa unha serie de exposicións que vimos facendo en colaboración coa Facultade de Belas Artes, como as pasadas ‘Campo de sementes 2’, ’Pregar a pintura’ ou ‘Pinturas negras’. Abre a exposición unha peza do Museo, depósito do Prado: unha herma dobre, un busto romano con dúas caras, algo frecuente na escultura romana desde o século I a.C. “Esta é unha liña que nos interesa moito potenciar: que as pezas do noso museo sirvan para a investigación e para a creación contemporánea”.

Covadonga Barreiro sinalou que a exposición parte, ademais da escultura citada pola directora, doutra peza escultórica que forma parte da exposición permanente: un busto galaico-romano de Xano atopado en Dornelas (Mos). “Serviume como eixo do discurso expositivo”, indicou a comisaria, explicando que “Xano, coas súas dúas caras contrapostas, era unha divindade que protexía os comezos e os finais e normalmente se situaba en limiares, en espazos de tránsito, e eses son os conceptos que quixen traer aquí: non só a existencia de posicionamentos contrapostos, senón tamén de espazos de converxencia, porosos, de transición”.

Barreiro relacionou tamén a exposición coa situación da Facultade de Belas Artes, que se atopa nun proceso de renovación do corpo docente. “Estamos nun momento que nos esixe unha mirada bifronte: unha mirada cara ao pasado, que recoñece todo o que se fixo desde 1990, cando se creou a facultade, e unha mirada cara ao futuro, que intenta ver como será a facultade do mañá”.

Con esa premisa, escolléronse pezas de 16 artistas vinculados no presente ou no pasado á Facultade de Belas Artes de Pontevedra: docentes como Ignacio Barcia, Itziar Ezquieta, Diego Germade, Yolanda Herranz, Chelo Matesanz, Begoña Paz e José Andrés Santiago; exprofesorado como Juan Luis Moraza, Mónica Ortuzar e Javier Tudela; persoal investigador e doutorando, como Luca Carrero e Cristina Chiarroni; e antigo alumnado como Nuria Figueiredo, Christian García Bello, Borxa Guerrero e Lucía Leirós.

documentos

Galerias de imaxes