A Deputación concentra máis de 200 profesionais e estudantes no XV Encontro de Conservación e Restauración no Museo de Pontevedra
A cita anual de referencia organizada polo Museo de Pontevedra coa colaboración da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia celebrarase os días 19 e 20 de novembro no Edificio Castelao
15/11/2026
A Deputación concentra entre o xoves 19 e o venres 20 de novembro máis de 200 profesionais e estudantes no XV Encontro de Conservación e Restauración no Museo de Pontevedra, que cada ano organiza coa colaboración da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. A cita anual de referencia no ámbito da conservación de bens patrimoniais en Galicia centrarase nesta ocasión no dourado, unha técnica presente en retablos, esculturas, pinturas, obxectos arqueolóxicos e elementos arquitectónicos de diversa natureza. A inscrición para asistir de maneira gratuíta está aberta ata este luns 16 de novembro a través da web: https://museo.depo.gal/encontro-conservacion-restauracion.
O programa do encontro inclúe 13 conferencias, catro coloquios e dúas visitas guiadas, coa participación de restauradores e expertos de Países Baixos, Italia e España. Desde diferentes perspectivas, abordarán a historia do dourado, os materiais e procedementos empregados na súa execución, así como os avances máis recentes no seu estudo, conservación e restauración. A visión doutros países de Europa estará presente no encontro coas intervencións de Giulia Sara de Vivo, conservadora de pinturas do Rijksmuseum, que intervirá por videoconferencia para falar das técnicas e procesos de decoración con pan de ouro; e a restauradora Elisa Pucci, do Opificio delle Pietre Dure italiano, que falará da restauración dos grandes bronces dourados de interese arqueolóxico e histórico.
Outras conferencias centraranse en aspectos concretos vinculados a esta técnica: o brocado aplicado, a conservación en superficies murais, o dourado sobre patrimonio metálico ou a experiencia no Museo do Prado na limpeza de superficies douradas e na reintegración do ouro, entre outras. O encontro completarase con visitas á exposición permanente do Museo de Pontevedra á Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.
O encontro está orientado a profesionais de museoloxía e está aberto a estudantes de disciplinas relacionadas, como conservación e restauración, historia, ou historia da arte. Ten carácter presencial, aínda que as intervencións serán rexistradas en vídeo e posteriormente postas a disposición do público no sitio web do Museo.
