Alba Barreiro Trío leva os “Eixos Cromáticos” da arpa, a frauta e o violonchelo ata Ribadumia no novo concerto de “Música no Ar”

A actuación, promovida pola Deputación de Pontevedra, terá lugar este mércores 19 de xullo, ás 19 horas, no Pazo Quinteiro da Cruz

18/07/2023

Música no Ar, co concerto que ofrecerán Alba Barreiro Trío

O Pazo Quinteiro da Cruz de Ribadumia será este mércores 19 de xullo o novo escenario do programa cultural Música no Ar, co concerto que ofrecerán Alba Barreiro Trío ao redor do seu proxecto Eixos Cromáticos. A cita promovida pola Deputación de Pontevedra terá lugar ás 19 horas e as prazas para esta actuación, na que a arpista viguesa Alba Barreiro actuará xunto a Pablo Mera (frauta) e Margarida Marino (violonchelo), xa están todas esgotadas.

Eixos cromáticos ofrece unha viaxe a través dalgunhas das composicións de Andrés Gaos e Jesús Bal y Gay, transcritas e arranxadas por Alba Barreiro para arpa soa e trío de frauta, violoncello e arpa. O proxecto xira ao redor do concepto de cromatismo, moi presente na obra destes autores, con dous eixos que unen os seus estilos compositivos coas características da arpa. Mentres que Gaos utiliza unha harmonía con continuas modulacións que aproveita á perfección a arpa co seu sistema elaborado de pedais, Bal y Gay basea o seu estilo en contrastes tímbricos, usando a instrumentación e xogos tonais traducidos a este instrumento nun gran abano de sons e efectos postos en diálogo coa frauta e o violoncello.

Con Música no Ar, a Deputación de Pontevedra está a programar ao longo deste verán quince actuacións de música clásica e de cámara en espazos patrimoniais da provincia como museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castelos, pazos ou fortalezas. Tralo paso polo Pazo Quinteiro da Cruz de Ribadumia este mércores, a iniciativa continuará en agosto no  Pazo Pegullal de Salceda de Caselas (2), na Igrexa de San Martiño de Xustáns en Ponte Caldelas (5), no Castelo de Sobroso (8), no xardín da Igrexa de San Martiño de Bueu (18), na Igrexa de San Pedro de Crecente (19) e na Igrexa parroquial de San Martiño de Forcarei (27). En setembro terán lugar as dúas últimas citas do programa, cun concerto no Castelo fortaleza de Dona Urraca en Salvaterra de Miño (9) e outro no Santuario da Franqueira (10).

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 19 resultados.