Arxis Percussion Group actúa este domingo no santuario da Franqueira da Cañiza no marco do programa provincial “Música no ar”

A actuación terá lugar ás 19:00 horas no exterior do santuario da Franqueira e as persoas con discapacidade auditiva poderán gozar do espectáculo con chalecos vibratorios

08/09/2023

Música no Ar - Arxis Percussion Group actúa este domingo no Santuario da Franqueira da Cañiza

O santuario da Franqueira, na Cañiza, acollerá este domingo 10 de setembro, ás 19:00 horas, un concerto a cargo de Arxis Percussion Group dentro do programa “Música no ar” da Deputación de Pontevedra. Esta é, ademais, unha das actuacións do ciclo onde as persoas con discapacidade auditiva terán á súa disposición chalecos con tecnoloxía sen cables que transmiten vibracións dos sons que reciben, permitindo que vivan a experiencia dun concerto de música clásica en directo.

Arxis Percussion Group é unha banda centrada na música de percusión que busca achegar ao panorama galego as últimas correntes estéticas dentro da súa familia de instrumento. A formación interpretará a obra Canto Ostinato, do holandés Simeon ten Holt, escrita orixinalmente para teclados pero que pode ser interpretada por diferentes agrupacións instrumentais e por máis ou menos intérpretes. A obra, de orixe minimalista, ten unha duración diferente en cada interpretación, segundo as preferencias dos músicos, o que fai que cada unha sexa diferente. Neste caso, o equipo artístico está composto por Irene Rodríguez e Sabela Castro, ambas co vibráfono, e Isabel Diego e Noè Rodrigo, que estarán ás mazas da marimba.

Arxis Percussion Group aposta por convertese nunha plataforma de encontro entre percusionistas residentes en Galicia. Os seus integrantes colaboran ademais de maneira asidua con prestixiosas orquestras de ámbito internacional coma o Concergebouworkest de Ámsterdam, a Orquestra Sinfónica de Galicia ou a Orchestre Philarmonique Royal de Liége.

Dentro de “Música no ar” a Deputación de Pontevedra programou ao longo do verán quince actuacións en museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castelos, pazos ou fortalezas. Tras a actuación deste domingo, o programa chega ao seu fin o 30 de setembro coa actuación de Camerata Arven na igrexa parroquial de San Martiño de Forcarei.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.