Forcarei acolle este domingo un concerto de Camerata Arven dentro do programa provincial “Música no ar”

A actuación terá lugar ás 19 horas no interior da igrexa parroquial de San Martiño e será unha homenaxe aos grandes persoeiros da literatura galega

24/08/2023

Música no Ar - Camerata Arven

O concello de Forcarei acollerá este domingo 27 de agosto un novo concerto no marco do programa “Música no ar” da Deputación de Pontevedra. A actuación correrá a cargo de Camerata Arven, unha banda formada por once músicas e músicos profesionais con experiencia no ámbito da interpretación e da docencia. Baixo o título Os nosos compositores, o concerto comezará ás 19 horas no interior da igrexa parroquial de San Martiño, e a formación estará acompañada pola soprano Anna Mélikhova para homenaxear os grandes persoeiros da literatura galega.

Creada en 2015, Camerata Arven ten como principal obxectivo fomentar o interese pola literatura a través da música de cámara e tendo en conta tamén as artes escénicas formadas polo teatro, a danza ou a literatura. O seu repertorio abarca desde solistas con acompañamento de piano ata as grandes estruturas de cámara formadas por quinteto de corda ou de vento e piano.

Neste concerto, a formación renderalles homenaxe a algunhas das personalidades máis importantes da literatura galega para levar as súas palabras á música en pezas que, pola súa popularidade, xa forman parte da memoria e da tradición do pobo galego. Deste xeito, interpretarán, entre outros temas, Alborada gallega, de Pascual Veiga, Negra sombra, de Rosalía de Castro (musicada por Juan Montes), Quen puidera namorala, de Álvaro Cunqueiro (musicada por Luis Emilio Batallán) ou Lela, de Castelao (con música de Rosendo Mato). Entre peza e peza, recitaranse poemas de Francisco Fernández del Riego, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

Con “Música no ar”, a Deputación de Pontevedra está a programar, ao longo deste verán, quince actuacións en museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castelos, pazos ou fortalezas. A actuación en Forcarei pecha os espectáculos de agosto e en setembro terán lugar as dúas últimas citas do programa, cun concerto no castelo-fortaleza de Dona Urraca en Salvaterra de Miño (o día 9) e outro no santuario da Franqueira da Cañiza (o día 10).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.