Salvaterra de Miño acolle este sábado unha nova actuación do programa provincial “Música no ar”

O pianista Alberto Vilas e a soprano Cristina Suárez ofrecerán o seu espectáculo, baseado en temas populares galegos, a partir das 20:00 horas no castelo fortaleza Dona Urraca

07/09/2023

Salvaterra de Miño acollerá este sábado 9 de setembro un novo concerto do programa cultural “Música no ar” da Deputación de Pontevedra, a cargo do pianista Alberto Vilas e a soprano Cristina Suárez, que interpretarán temas coñecidos e populares da música galega. A actuación comezará ás 20:00 horas no exterior do castelo fortaleza Dona Urraca.

Once cancións e unha danza é o titulo deste recital, que supón a estrea do próximo traballo discográfico do pianista Alberto Vilas. Nel interpreta pezas para piano baseadas nas cancións das máis coñecidas e populares da música galega, entre elas A rianxeira, O miudiño, Camariñas ou A saia da Carolina, pero co seu selo persoal. O concerto completarase con dúas pezas máis, Lela e Negra sombra’ cantadas pola soprano Cristina Suárez no marco dun novo proxecto en común entre os dous artistas.

A extensa traxectoria de Alberto Vilas (Redondela, 1970) inclúe a súa participación en distintas formacións e tamén en solitario. Fascinado polo jazz e por outras músicas, foi integrante do cuarteto de tango Tangata, co que gravou catro discos e ofreceu miles de concertos tanto en España coma a nivel internacional. Coa súa propia formación, Alberto Vilas Quinteto, gravou Experianza, o primeiro traballo con temas da súa autoría; e tamén  Crónica cromática e Ubuntu, en formación de cuarteto. En 2017 conseguiu o Premio Martín Códax da Música por Universo Lem, música creada para unha montaxe de vídeo con fotografías de Juan L. Amado. En 2020 publicou Naialma, o seu primeiro traballo a piano só con composicións orixinais, co que volveu acadar o Martín Codax da Música, en 2021.

A soprano Cristina Suárez, gañadora de premios como a I Gala Lírica dos Conservatorios de Galicia, en 2013 ou o premio á excelencia musical Mans Futuro, en 2018, ten colaborado con diferentes agrupacións e proxectos, como “Cancións galegas” xunto a Soncello Ensemble. Na actualidade compaxina a súa actividade artística e docente como profesora de Canto Lírico no Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra.

Con “Música no ar”, a Deputación de Pontevedra está a programar ao longo deste verán, quince actuacións en museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castelos, pazos ou fortalezas. Despois desta actuación en Salvaterra de Miño, están previstas as dúas últimas datas no santuario da Franqueira da Cañiza (este domingo) e na igrexa parroquial de San Martiño de Forcarei (o próximo 30 de setembro).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.