Forcarei será o escenario de peche do programa da Deputación “Música no ar”, cun concerto este sábado de Camerata Arven

A actuación terá lugar ás 18:00 horas no interior da igrexa parroquial de San Martiño e será unha homenaxe aos grandes persoeiros da literatura galega     

28/09/2023

O concello de Forcarei será este sábado, 30 de setembro, o escenario de peche do programa da Deputación de Pontevedra “Música no ar”. A actuación correrá a cargo de Camerata Arven, unha banda formada por once músicas e músicos profesionais con experiencia no ámbito da interpretación e da docencia. Baixo o título Os nosos compositores, o concerto comezará ás 18:00 horas no interior da igrexa parroquial de San Martiño, e a formación estará acompañada pola soprano Anna Mélikhova para homenaxear os grandes persoeiros da literatura galega.

Creada en 2015, a Camerata Arven ten como principal obxectivo fomentar o interese pola literatura a través da música de cámara e tendo en conta tamén as artes escénicas, formadas polo teatro, pola danza ou pola literatura. O seu repertorio abarca desde solistas con acompañamento de piano ata as grandes estruturas de cámara formadas por quinteto de corda ou de vento e piano.

Neste concerto, a formación renderalles homenaxe a algunhas das personalidades máis importantes da literatura galega, e levará as súas palabras á música en pezas que, pola súa popularidade, xa forman parte da memoria e da tradición do pobo galego. Deste xeito, interpretarán, entre outros temas, Alborada galega, de Pascual Veiga, Negra sombra, de Rosalía de Castro (musicada por Juan Montes), Quen puidera namorala, de Álvaro Cunqueiro (musicada por Luis Emilio Batallán) ou Lela, de Castelao (con música de Rosendo Mato). Entre peza e peza, recitaranse poemas de Francisco Fernández del Riego, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

A actuación en Forcarei pecha os espectáculos do programa “Música no ar”, co que a Deputación de Pontevedra programou ao longo deste verán quince actuacións en museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castelos, pazos ou fortalezas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.