O grupo de cámara da Orquestra Barroca Vigo 430 actúa este venres na igrexa de San Martiño de Bueu no marco do programa da Deputación “Música no Ar”

A actuación, que dará comezo ás 19:00 horas e non require inscrición previa, forma parte do programa da Deputación que leva a música de cámara a espazos patrimoniais da provincia

16/08/2023

O programa cultural “Música no Ar” da Deputación de Pontevedra continúa o seu percorrido este venres, 18 de agosto, en Bueu. O concerto ofrecido polo grupo de cámara da Orquestra Barroca Vigo 430 celebrarase no interior da Igrexa de San Martiño de Bueu ás 19:00 horas dentro desta iniciativa provincial, e pódese acudir sen inscrición previa ata completar capacidade.

O grupo de cámara da Orquestra Vigo 430 é un cuarteto de cordas formado por Pavel Amilcar (violín), Sara Ruíz (violín de gamba), Rafael Muñoz (cordas pulsadas) e Andrés Alberto Gómez (clavecín). Trátase da formación Orquestra Vigo 430, única en Galicia especializada en música antiga. Céntranse principalmente no período barroco e integra instrumentistas especializados nese estilo. Neste caso, o público desfrutará da súa agrupación máis pequena, a de cámara, que ofrecerá un programa con obras de Johan Michael Nicolai, Dietrich Becher, Samuel Friederich Capricornus e Philipe Friedrich Böddecker.

O proxecto da Orquestra Vigo 430 nace en 2005 co obxectivo de dar unha formación orquestral profesional e achegar a música clásica a novos públicos potenciais, tratando de eliminar a barreira psicolóxica que existe á hora de achegarse a un concerto de música clásica.

A programación de “Música no Ar” está composta por 15 formacións, desde dúos ata cuartetos, con diferentes actuacións en museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castelos, pazos ou fortalezas. Tralo paso pola Igrexa de San Martiño a iniciativa continuará na Igrexa de San Pedro de Crecente (o día 19), no Pazo Pegullal de Salceda de Caselas (o día 24) e na Igrexa parroquial de San Martiño de Forcarei (o día 27). En setembro terán lugar as dúas últimas citas do programa, cun concerto no Castelo-fortaleza de Dona Urraca en Salvaterra de Miño (o día 9) e outro no Santuario da Franqueira da Cañiza (o día 10).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.