O castelo de Sobroso acolle este martes o concerto de fisión atlántica ensemble ao abeiro do programa provincial “Música no ar”

A actuación do grupo, que une música e literatura e centrará o repertorio do seu espectáculo no compositor Franz Joseph Haydn, terá lugar ás 19:00 horas

07/08/2023

O Castelo de Sobroso acollerá este martes 8 de agosto un novo concerto no marco do ciclo “Música no Ar” da Deputación, que correrá a cargo da agrupación Fisión Atlántica Ensemble, formada por recoñecidos músicos das orquestras de Galicia. Na cita, para a que aínda quedan entradas dispoñibles (son gratuítas e poden reservarse en participa.cultura@depo.es), comezará ás 19:00 horas e xirará arredor da figura de Franz Joseph Haydn.

Fisión Atlántica Ensemble está formado por Luis Soto (frauta traveseira); Nikolay Velikov (violín); Ioana Ciobotaru (viola); Álvaro Quintanilla (violoncello) e Pablo Carpintero (pipa galega). O grupo une nos seus espectáculos música e literatura, dando cabida aos compositores máis recoñecidos da historia e coa fidelidade aos textos como sinal de identidade. O espectáculo centrado en Haydn é a última aposta da formación e complétase coa publicación do libro-disco O xenio da cidade, coa colaboración de Fina Casalderrey como escritora e Xosé Cobas como ilustrador.

Con “Música no Ar”, a Deputación de Pontevedra está a programar ao longo deste verán quince actuacións en museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castelos, pazos ou fortalezas. Tralo paso polo Castelo de Sobroso, a iniciativa continuará no xardín da Igrexa de San Martiño de Bueu (o día 18), na Igrexa de San Pedro de Crecente (o día 19), no Pazo Pegullal de Salceda de Caselas (o día 24) e na Igrexa parroquial de San Martiño de Forcarei (o día 27). En setembro terán lugar as dúas últimas citas do programa, cun concerto no Castelo-fortaleza de Dona Urraca en Salvaterra de Miño (o día 9) e outro no Santuario da Franqueira da Cañiza (o día 10).

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.