O grupo Lulavai actúa este xoves no pazo Pegullal de Salceda de Caselas no marco do programa provincial “Música no ar”

A actuación, que dará comezo ás 20 horas e non require inscrición previa, forma parte do programa da Deputación que leva a música de cámara a espazos patrimoniais da provincia

22/08/2023

Música no Ar - Lulavai

O programa cultural “Música no ar” da Deputación de Pontevedra continúa o seu percorrido este xoves 24 de agosto por Salceda de Caselas. O concerto ofrecido pola formación Lulavai celebrarase no pazo Pegullal ás 20 horas dentro desta iniciativa provincial composta este ano por 15 actuacións de música clásica e de cámara que se levarán a importantes espazos patrimoniais da provincia: museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castelos, pazos e fortalezas.

Lulavai é un cuarteto de arpas formado polas viguesas Josefa Fernández, Paula Oanes, Elena Paz e Lorena Reinaldo, unha insólita formación cuxo protagonismo recae sobre catro arpas celtas e a polifonía das súas voces. Lulavai interpretará temas con orixe na música tradicional galega e outros de carácter persoal inspirados noutras músicas e estilos musicais de todo o mundo. Os arranxos están pensados para o seu instrumento principal e as súas voces, ademais doutros instrumentos de percusión tradicionais coma pandeiros, pandeiretas ou culleres. O repertorio abrangue temas tranquilos que convidan a ser escoitados cos ollos pechados e outros máis rítmicos de marcado estilo tradicional.

As integrantes coñecéronse en 2005 e emprenderon o proxecto Lulavai en 2008 para explorar novos mundos sonoros e interpretar, con arranxos coidados e elaborados, temas tradicionais galegos e de composición propia. Nese ano foron seleccionadas como finalistas no Festival Cancioneiros da Fundación Pedro Barrié de la Maza e, desde entón, publicaron dous álbums e están a piques de lanzar un terceiro traballo discográfico.

A programación de “Música no ar” está composta por 15 formacións, de dúos a cuartetos, con repertorios entre o clásico e o contemporáneo, música instrumental e voz, pero tamén propostas que inclúen danza e silencio. Tras as actuacións xa celebradas en Nigrán, Vila de Cruces, Vilaboa, Cuntis, Soutomaior e Mos, e a de Salceda de Caselas, o programa continúa ata setembro con máis concertos en Ribadumia, Ponte Caldelas, Mondariz, Bueu, Crecente, Forcarei, Salvaterra de Miño e A Cañiza. O calendario completo pódese consultar na  web da Deputación.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 12 resultados.