O ciclo da Deputación “Música no Ar” chega esta fin de semana a Vilaboa e Cuntis con Oliva Trío, Gabriel Alonso e Brianda García

O concerto terá lugar no Antigo Forno do Cal de Vilaboa o sábado ás 19.00 horas. Á mesma hora pero o domingo, na Igrexa de Santa María de Cuntis, o barítono Gabriel Alonso con Brianda García ao piano ofrecerán un repertorio clásico

15/06/2023

O ciclo “Música no Ar”, co que a Deputación de Pontevedra espalla música clásica en espazos de memoria, arte e identidade da provincia ata setembro, continúa a súa andaina coa súa chegada a Vilaboa e Cuntis esta fin de semana. Así, o sábado, ás 19.00 horas, o Antigo Forno do Cal de Vilaboa contará co Oliva Trío, trío de canas de Vigo, e o domingo, á mesma hora, a Igrexa de Santa María de Cuntis acollerá o concerto do barítono ferrolán Gabriel Alonso coa nedense Brianda García ao piano.

Oliva Trío, que soará en Vilaboa, está integrado por Laura Jiménez (fagot), Cecilia Castro (oboe) e Virginia Lis (clarinete). Trátase dun trío de canas (óboe, clarinete e fagot) froito das inquietudes concertísticas de tres profesoras, Laura, Cecilia e Virginia, unidas pola cidade de Vigo. De feito, o nome do grupo, Oliva Trío, fai referencia ao froito da oliveira, símbolo da cidade. O trío de canas, como formación instrumental, é relativamente novo, xa que apenas ten un século de existencia (xurdiu na década de 1920). O seu punto en común é que todos os instrumentos producen o son a través dunha lingüeta, xa sexa simple coma a do clarinete ou dobre coma a do óboe e o fagot.

Pola súa banda Cuntis acollerá o concerto de Gabriel Alonso, un dos barítonos novos máis recoñecidos de Galicia, acompañado por Brianda García, unha das grandes promesas pianísticas. Gabriel Alonso, nado en Ferrol en 1991 e graduado pola Escola Superior de Música Raíña Sofía, recibiu clases maxistrais por parte dos máis importantes cantantes e directores musicais e de escena. Ao longo da súa carreira profesional realizou numerosas estreas absolutas, entre as que destacan as “Dúas antigas” para barítono e orquestra de Xabier de Paz, coa Real Filharmonía de Galicia baixo a batuta de Maximino Zumalave. Brianda García, nada en 1992 en Neda, ofreceu diferentes recitais en numerosos puntos da xeografía española, así como en Bélxica e Holanda. Realizou colaboracións con diferentes agrupacións, como a Orquestra Gaos ou a Banda Municipal de Música da Coruña. Actualmente é docente de Piano no Conservatorio Profesional de Música Presto Vivace da Coruña.

A programación de “Música no Ar” está composta este ano por 15 concertos de música clásica e de cámara en importantes espazos patrimoniais da provincia como museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castelos, pazos ou fortalezas, de concellos de menos de 20.000 habitantes. Serán en total 15 formacións, desde dúos ata cuartetos, con repertorios que versan entre o clásico e o contemporáneo, con música instrumental e voz pero tamén propostas que inclúen danza e silencio. Tras ter pasado xa por Nigrán, Vila de Cruces, Vilaboa e Cuntis o programa continúa ata setembro en Soutomaior, Mos, Salceda de Caselas, Ribadumia, Ponte Caldelas, Mondariz, Bueu, Crecente, Forcarei, Salvaterra e A Cañiza. O calendario completo pódese consultar no sitio web da Deputación. Todos os concertos teñen acceso libre ata completar a capacidade do recinto, agás os dos Castelos de Soutomaior e Sobroso e mais o do Pazo Quinteiro da Cruz (Ribadumia), que requiren inscrición previa no correo electrónico participa.cultura@depo.gal.

Este ano, ademais, co obxectivo de promover e garantir a democratización e o acceso igualitario á cultura, a institución pon en marcha un proxecto piloto nalgunhas das citas musicais do programa para permitir que as persoas con dificultades auditivas tamén poidan participar e facer este proxecto máis inclusivo e accesible. O proxecto piloto consiste na dotación de mochilas con tecnoloxía inalámbrica que transmitirán vibracións graves e subgraves dos sons que reciben, permitindo a estas persoas vivir a experiencia dun concerto de música clásica en directo.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 18 resultados.