O Castelo de Soutomaior acolle este xoves o espectáculo de danza e circo “Glamping” da compañía SU.MA.

A actividade, que forma parte do programa provincial “Tras as ameas”, mestura teatro xestual, música, acrobacias aéreas, danza e swing en clave de clown

02/08/2023

O Castelo de Soutomaior acolle este xoves 3 de agosto ás 19:00 horas o espectáculo de circo ‘Glamping’ da compañía SU.MA. A actuación, para a que xa están todas as prazas esgotadas, conta a historia de tres amigos con caracteres moi distintos que se embarcan na aventura de pasar xuntos unhas vacacións de cámping. Esta actividade para todos os públicos é unha das 13 programadas ao abeiro de “Tras as Ameas”, o programa co que este verán a Deputación de Pontevedra está a encher de cultura os castelos de Soutomaior e Sobroso.

O espectáculo ‘Glamping’ fala das relacións humanas a través da mestura de teatro xestual, música, acrobacias aéreas, danza e swing en clave de clown. As artistas Sue Moreno e María Move únense por primeira vez baixo a dirección de Gonçalo Guerrero, de Elefante Elegante, nun espectáculo de danza-circo 360º no que dúas personaxes crean mundos de fantasía coa voz en directo como un dos principais ingredientes.

“Tras as Ameas” arrancou o 27 de xuño e inclúe ata o 29 de agosto un total de 13 accións entre concertos, obradoiros, contacontos ou espectáculos escénicos que inclúen maxia e circo. As actividades están divididas en cinco bloques: ‘Noite no castelo’ (accións nocturnas), ‘Música con historia’ (concertos para público familiar), ‘Nin príncipes nin princesas’ (contacontos), ‘O teatro vén de visita’ (teatro de rúa), ‘Creando no xardín’ (obradoiros participativos de arte), ‘Vaia circo este castelo!’ (espectáculos de circo exterior) e ‘Entre muros de maxia!’ (espectáculos de maxia).

Os próximos catro espectáculos do programa teñen xa todas as súas prazas esgotadas: ‘Paxaro amigo. Músicas para a paz’ de Mamá Cabra, o 10 de agosto no Castelo de Soutomaior; ‘Nino & Nambrú’ de Nauta, o 17 de agosto tamén en Soutomaior; o espectáculo de maxia ‘Superheroe’ de Fran Frei, o 22 de agosto no Castelo de Sobroso; e por último o obradoiro ‘Lingoroteira’, de Xarope Lulú, o 29 de agosto tamén en Sobroso.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.