O palacete das Mendoza acolle desde este venres 22 a exposición de catro artistas promovida pola Asociación Tales de Mileto

A mostra pictórica estará aberta ao público ata o domingo 8 de outubro na sala da sede de Turismo Rías Baixas

20/09/2023

O palacete das Mendoza acolle desde este venres 22 de setembro unha nova exposición que amosará a obra das e dos artistas Alberto D’Assumpção, Bernardino Rozada, Basi Sánchez e Paco Juan Déniz, promovida pola Asociación Tales de Mileto de Pontevedra. A proposta pictórica poderá visitarse na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas ata o próximo 8 de outubro.

A Asociación Tales de Mileto, promotora desta mostra, vincula, a través da súa acción, arte e desenvolvemento e busca “unir o conglomerado da arte para dedicalo á axuda humanitaria e usar as súas ferramentas para desenvolver proxectos que sexan vangardistas e xeren unha vertente de cambio cultural, de integración e de paz nos tempos que vivimos”.

En canto ás e aos artistas participantes, Alberto D’Assumpção é un pintor portugués cunha obra abstracta xeométrica, Bernardino Rozada aborda no seu traballo o estudo dos símbolos, a natureza e a soidade do ser humano, e a artista Basi Sánchez desenvolve unha obra pictórica centrada en lugares e recordos próximos. Ademais, a mostra tamén achegará varios traballos de Paco Juan Déniz, pintor canario falecido o ano  pasado cuxa obra se enmarca no surrealismo.

A mostra poderá visitarse na sala de exposicións do palacete das Mendoza (praza de Santa María, s/n, Pontevedra) nos horarios de apertura ao público do edificio: de luns a venres, de 9 a 20 horas; os sábados, de 10 a 14 horas e de 16 a 19 horas; e os domingos e festivos, de 10 a 14 horas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.