Última semana para visitar no palacete das Mendoza a exposición promovida pola asociación Tales de Mileto

A mostra pictórica estará aberta ao público ata o domingo 8 de outubro na sala da sede de Turismo Rías Baixas

01/10/2023

Última semana para visitar no palacete das Mendoza a exposición dos artistas Alberto D’Asusumpçao, Bernardino Rozada, Basi Sánchez e Paco Juan Déniz, promovida pola Asociación Tales de Mileto de Pontevedra. A proposta pictórica permanecerá na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas ata o próximo domingo 8 de outubro.

A Asociación Tales de Mileto, promotora desta mostra, vincula a través da súa acción arte e desenvolvemento e busca “unir o conglomerado da arte para volcalo na axuda humanitaria e usar as súas ferramentas para desenvolver proxectos que sexan vangardistas e xeren unha vertente de cambio cultural, de integración e de paz nos tempos que vivimos”.

En canto aos artistas participantes, Alberto D’Assumpçao é un pintor portugués con obra abstracta xeométrica, mentres que Bernardino Rozada aborda no seu traballo o estudo dos símbolos, a natureza e a soidade do ser humano e a artista Basi Sánchez desenvolve unha obra pictórica centrada en lugares e recordos próximos. Ademais, a mostra tamén achegará varios traballos de Paco Juan Déniz, pintor canario falecido o pasado ano cuxa obra se enmarca no surrealismo.

A mostra poderá visitarse na sala de exposicións do palacete das Mendoza (praza de Santa María, s/n, Pontevedra) nos horarios de apertura ao público do edificio: de luns a venres, de 9:00 a 20:00 horas; os sábados, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas; e os domingos e festivos, de 10:00 a 14:00 horas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.