Últimos días para visitar a exposición da artista viguesa Carla Zoni no palacete das Mendoza

A mostra “Lila”, que reúne pinturas e debuxos da autora, estará aberta ao público ata o domingo 10 de setembro na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas

03/09/2023

Exposición da artista viguesa Carla Zoni no palacete das Mendoza

A exposición “Lila”, que amosa o traballo da artista viguesa Carla Zoni, afronta a súa última semana na sala de exposicións do palacete das Mendoza, a sede de Turismo Rías Baixas. A mostra, que a Deputación de Pontevedra abriu ao público o pasado 25 de agosto, estará dispoñible ata o próximo domingo 10 de setembro. Trátase dunha selección de obras dos primeiros anos da traxectoria da creadora, composta por pinturas e debuxos que resumen e amosan o seu mundo creativo.

O título da exposición de Carla Zoni, “Lila”, significa en sánscrito o xogo sagrado da creación do universo e da vida por pura diversión. Deste xeito, a artista sinala que a arte é o medio que a conecta coa diversión e co xogo. Ese enfoque lúdico está presente nos mundos e seres que amosa nas súas pezas, onde aparecen formas orgánicas inspiradas na natureza, “que guía as miñas mans e esperta a esencia da vida en cada obra”.

A mostra pode visitarse na sala de exposicións do palacete das Mendoza (praza de Santa María, s/n, Pontevedra) nos horarios de apertura ao público do edificio: de luns a venres de 9 a 21 horas, e os sábados, domingos e festivos de 10 a 14:30 e de 16:30 a 20:00 horas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.