Deputación de Pontevedra e FEAFES promoven a inserción laboral de 14 persoas con problemas de saúde mental a través do Proxecto Practicum 2025
A vicepresidenta, Luisa Sánchez, anuncia un aumento do 20% na achega provincial destinada a este programa, que garante a realización de prácticas en empresas por parte deste colectivo
11/12/2025
A Deputación de Pontevedra e a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES) promoveron este ano a inserción laboral de 14 persoas con problemas de saúde mental a través do Proxecto Practicum 2025, que garante a realización de prácticas non laborais en empresas por parte deste colectivo.
As dúas entidades fixeron este mércores balance da decimo quinta edición do programa, que permite aos doentes mellorar as súas competencias, acostumarse a un entorno de traballo e coñecer de primeira man un posto concreto. O acto de clausura tivo lugar na sede viguesa da Deputación, onde se expuxeron os principais resultados alcanzados en 2025 e onde tamén se desenvolveron mesas redondas para que empresas e beneficiarios intercambiaran as súas experiencias. Nesta ocasión, a taxa de inserción laboral posterior subiu catorce puntos con respecto a 2024, ata o 35%.
Tal e como indicou Luisa Sánchez, a institución provincial destina a este proxecto unha axuda directa de 20.000 euros, que se verá incrementada un 20% en 2026. Ademais, achega 6.650 euros a outro programa de atención integral específico para mulleres. “Quero agradecer a FEAFES o seu esforzo. Estamos a voso carón e aí seguiremos. Na Deputación de Pontevedra cremos firmemente na necesidade de reforzar a rede de servizos de saúde mental, de promover a visibilidade e de derrubar os estigmas que aínda pesan sobre quen convive con estes desafíos. Estas prácticas supoñen un impulso para a formación e a autonomía das persoas con problemas de saúde mental e tamén representan unha oportunidade de crecemento. Desexo que, xuntos, continuemos traballando na construción dunha provincia máis humana”, sinalou.
Ademais, Luisa Sánchez definiu o Proxecto Practicum como “unha porta aberta á integración, á inserción e á esperanza”, xa que esta iniciativa constitúe unha vía de contacto e sensibilización do sector empresarial e contribúe a eliminar prexuízos. “Grazas a programas coma este, homes e mulleres avanzan nos seus procesos de recuperación, socialización o reestruturación persoal”, engadiu.
A vicepresidenta provincial tamén tivo palabras de eloxio cara as dez empresas e institucións que participan do Proxecto Practicum por dar ás persoas con enfermidades mentais “a oportunidade que merecen”. Trátase de C&C Arreglos de Ropa, Grupo Monterrey Redondela, Ara Formación, Freshcut, Perruquería Zaisha, Arenal Perfumerías, Sprinter, Residencial Galeón, Concello de Moaña e Atendo Calidade.
Do mesmo xeito, gabou o traballo dos profesionais técnicos, que “exercen ese meritorio labor de engrenaxe para conectar a todas as partes involucradas”.
