A Deputación leva este domingo o programa Son Verán a Poio cun concerto de Carlos Núñez

Os convites para asistir de balde ao concerto, incluído no programa de espectáculos de alta calidade artística en enclaves e espazos patrimoniais da provincia, esgotáronse en 24 horas

03/09/2025

A Deputación de Pontevedra leva este domingo 7 de setembro o novo programa provincial Son Verán a Poio cun concerto de Carlos Núñez. A actuación terá lugar na Praza do Mosteiro de San Xoán a partir das 20:30 horas no marco desta nova iniciativa provincial, un ciclo de 13 concertos entre os meses de agosto a outubro en enclaves e espazos patrimoniais e paisaxísticos dos concellos da provincia. Para poder asistir de balde ao concerto activouse un prazo de reserva de convites, que se esgotaron en 24 horas.

Carlos Núñez ofrecerá o seu espectáculo “Lugares máxicos”, unha xira que leva a súa música a localizacións senlleiras para poñer en valor o patrimonio musical, arquitectónico, gastronómico e natural de Galicia. Trátase dun modelo de espectáculo respectuoso coa natureza e co medio ambiente, xa que se aproveita a luz solar e as acústicas naturais dos lugares sen os excesos de produción habituais neste sector. De feito, Núñez foi nomeado Embaixador Europeo do Medio Ambiente, e coas súas actuacións en marcos naturais acadou que se identifique a marca cultural e patrimonial de Galicia coa súa música persoal, enraizada e pluricultural.

O cartel de artistas de Son Verán inclúe tamén a Emilio Rúa, Óscar Ibáñez, ÓperaConcert e o dúo composto por Teo Cardalda e María Monsonís, e os concertos chegarán proximamente aos concellos de Forcarei, Mondariz, Moraña e Vilanova de Arousa. Son Verán é unha aposta da Deputación pola descentralización das actividades culturais ao longo de todo o territorio provincial, impulsando unha programación musical de primeiro nivel en todas as comarcas da provincia.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.