A Deputación abre as inscricións para a última proba do circuíto Entre Pontes, que se celebrará en Moaña
O evento terá lugar o 13 de decembro coa cun trail de 14 quilómetros, unha andaina non competitiva, carreiras infantís e un total de 800 prazas dispoñibles
16/11/2026
A Deputación de Pontevedra vén de abrir as inscricións para a sexta e última parada do circuíto Entre Pontes Trail & Running, que se celebrará en Moaña o vindeiro 13 de decembro. A proba porá o broche á primeira edición deste circuíto provincial cunha nova proposta deportiva que combina actividade física e hábitos saudables coa promoción do patrimonio paisaxístico da provincia e o contacto coa natureza.
O evento contará cun trail de 14 quilómetros e máis de 370 metros de desnivel, para o que se habilitarán 500 prazas, cun percorrido que combinará zona litoral e montaña. Ademais, haberá unha andaina non competitiva de case seis quilómetros, con 150 prazas, e outras 150 para as carreiras infantís. Todas as actividades son de balde. Deste xeito, o circuíto mantén a súa aposta por achegar o deporte a todas as idades e condicións físicas.
Na presentación realizada este luns participaron a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez; a deputada e directora de Deportes, Xisela Aranda; e a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos. A vicepresidenta advertiu da conveniencia de formalizar as inscricións “canto antes” ante a alta demanda existente nas probas disputadas ata o momento, que esgotaron todas as prazas dispoñibles.
Igualmente, convidou a veciñanza e visitantes a achegarse a Moaña para acompañar as persoas participantes e gozar da zona de convivencia, que contará con animación e food trucks.
