Última semana para visitar no palacete das Mendoza a mostra “F. Carballa con barro”

Trátase dunha colección escultórico-pictórica na que o artista pontevedrés xoga coa porcelana e o barro. Poderase visitar ata o domingo 13 de agosto na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas

06/08/2023

Última semana para visitar no Palacete das Mendoza a exposición “F. Carballa con barro”, na que se presenta o traballo con porcelana e barro do artista pontevedrés Fernando Carballa. Na mostra, que permanecerá aberta na sede de Turismo Rías Baixas ata o domingo 13 de agosto, o creador amosa, a través de ambos materiais e mediante diversas representación de cabezas, a súa predilección pola figura humana, sempre presente nas súas exposicións.

“F. Carballa con barro” atrapa as persoas visitantes nun mundo simbólico e conceptual moi propio do autor. Baséase na imaxinación e nos elementos conceptuais fronte á natureza e, desta maneira, o artista ofrece un periplo marcado pola preocupación que lle suscita a forma como elemento para crear un diálogo coa materia.

Fernando Carballa é un artista pontevedrés licenciado pola Facultade de Belas Artes de Madrid. Ten recibido formación complementaria na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, no taller de Brita Prinz en Madrid e na Escola Municipal de Artes e Oficias de Vigo, entre outras.

A súa mostra en Pontevedra poderá visitarase ata o vindeiro domingo, 13 de agosto, na sala de exposicións do Palacete das Mendoza en horario de 9:00 a 21:00 horas, de luns a venres. Os sábados e festivos, o horario pasa de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas.

 

Ligazóns de interese

videos