Última semana para visitar no Palacete das Mendoza a mostra “Cuando el alma se hace paisaje” da artista Ángeles Mera
A exposición pictórica intimista e melancólica está aberta ata o próximo domingo 16 de xullo na sede de Turismo Rías Baixas
09/07/2023
Ata o vindeiro 16 de xullo está aberta na sala de exposicións do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, a mostra “Cuando el alma se hace paisaje”, unha colección pictórica elaborada pola artista Ángeles Mera. A exposición promovida pola Deputación de Pontevedra supón unha recompilación de cadros sinxelos, intimistas e cun punto de melancolía, próximos á realidade e con referencias inmediatas ás paisaxes da Galicia rural e mariñeira, pero á vez con ápices de indefinición e de evanescencia.
Na colección amosada, as paisaxes están exentas de grandilocuencias e monumentalidades, e máis ben simulan documentos. A súa sinxeleza plásmase a través dos verdes neutros, amarelos ocasionais e laranxas aurorais elixidas pola artista, cores elaboradas dun xeito paciente e amoroso na soidade do seu estudo.
Nesta última semana, a exposición pode visitarse nos horarios habituais da sala de exposicións do Palacete das Mendoza: de luns a venres, en horario continuo entre as 9:00 e as 21:00 horas. Os sábados, domingos e días festivos, o horario será de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas.
