#CULTURA
Concurso escolar Canta Rosalía!
Día de Rosalía 2026
O Día de Rosalía conmemórase cada 23 de febreiro, data de nacemento da escritora.
Desde a Deputación, sumámonos un ano máis ás celebracións cunha xornada propia, na que presentamos a segunda edición do concurso escolar Canta Rosalía!, co que aludimos a unha Rosalía cantada e musicada, que forma parte de nós e da nosa cultura e que nos deixou un importante legado. O concurso ten o formato de poemas musicados e escenificados, que se presentarán en vídeo, co obxectivo de poñer en valor a vida e obra de Rosalía de Castro, de achegala ao público máis novo dun xeito lúdico e didáctico, e de promover o uso da lingua galega entre o alumnado coa visión dunha escritora que chega e conecta cos novos movementos e coas novas xeracións.
BASES
Primeira. Obxecto
Estas bases teñen por obxecto definir as condicións de participación e convocatoria do Concurso Escolar Canta Rosalía! 2026, que ten como fin homenaxear a Rosalía de Castro e achegar a súa obra e a súa figura dun xeito creativo ao público máis novo.
Segunda. Persoas destinatarias
O concurso está dirixido ao alumnado de primaria e secundaria dos centros escolares e de educación especial da provincia de Pontevedra, que poderá participar de xeito grupal e cun representante do centro escolar (docente ou integrante da dirección ou xefatura de estudos) na categoría correspondente, segundo o curso escolar:
Categorías
- Campaniñas: 1.º, 2.º e 3.º de primaria (de 6 a 9 anos)
- Airiños: 4.º, 5.º e 6.º de primaria (de 9 a 12 anos)
- Fontiñas: ESO (de 12 a 15 anos)
- Paxariños: educación especial
Terceira. Participación
A modalidade do concurso será o de poemas musicados, que deberán presentarse en formato audiovisual e reunir os seguintes requisitos:
- Vídeo horizontal cunha duración máxima de 4 minutos e coa calidade suficiente para un visionado correcto (gravado con teléfono móbil ou videocámara).
- Interpretación musical en lingua galega dun poema ou poemas de Rosalía de Castro ou un contido relacionado con esta autora. Admítese tamén o uso ou a posta en escena dun poema xa musicado por unha ou un artista ou grupo musical.
- Documento onde se describa moi brevemente o motivo ou inspiración que levou ao grupo a realizar esa peza e o significado ou obxectivo desta.
- As pezas creadas deberán ser orixinais e non ter participado neste concurso en anteriores edicións.
- Participación grupal: cada centro poderá participar cun ou varios grupos en distintas categorías e presentará unicamente unha proposta por curso.
O alumnado poderá ser axudado polas e polos docentes.
Cuarta. Premios e financiamento
Os premios constarán duns lotes de produtos didácticos e musicais valorados nun máximo de catro mil cincocentos euros (4.500 €) e dunha actuación ou actividade cultural para cada primeiro premio valorada nun máximo de tres mil cincocentos euros (3.500 €). A contía dos premios consignarase con cargo á aplicación 25/330.3340.226.09 do Orzamento provincial.
Categoría Campaniñas (primeiro ciclo de primaria)
- 1.º premio: unha actuación musical ou teatral que se realizará no centro escolar e un lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural por valor de seiscentos euros (600 €).
- 2.º premio: un lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural por valor de catrocentos euros (400 €).
- 3.º premio: un lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural por valor de trescentos euros (300 €).
Categoría Airiños (segundo ciclo de primaria)
- 1.º premio: unha actuación musical ou teatral que se levará a cabo no centro escolar e un lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural por valor de seiscentos euros (600 €).
- 2.º premio: un lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural por valor de catrocentos euros (400 €).
- 3.º premio: un lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural por valor de trescentos euros (300 €).
Categoría Fontiñas (ESO)
- 1.º premio: unha actividade de escape room no castelo de Soutomaior e un lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural por valor de seiscentos euros (600 €).
- 2.º premio: un lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural por valor de catrocentos euros (400 €).
- 3.º premio: un lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural por valor de trescentos euros (300 €).
Categoría Paxariños (educación especial)
- 1.º premio: unha actuación musical ou teatral que se interpretará no centro escolar e un lote de produtos didácticos ou de instrumentos musicais ou unha experiencia cultural por valor de seiscentos euros (600 €).
Quinta. Presentación das pezas creativas para participar
Unha persoa responsable do centro educativo, unha mestra ou un mestre ou a dirección do centro presentará cada unha das obras, que estará identificada coa categoría, título se o ten, nome da titora ou titor e datos do centro. Aqueles traballos que non estean claramente identificados non se terán en conta para participar no concurso.
As obras enviaranse en formato audiovisual mediante ligazón de descarga ao correo electrónico participa.cultura@depo.gal.
Sexta. Prazo para participar
O prazo de presentación das creacións para participar no concurso remata o 20 de marzo de 2026.
Sétima. Xurado
O xurado estará composto por persoal dos servizos de Cultura, Comunicación Institucional e de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos, así como doutros servizos da propia Deputación, se o seu persoal posúe coñecementos no ámbito cultural, literario, musical e audiovisual.
O xurado poderá declarar deserto calquera dos premios se considera que ningún dos proxectos presentados reúne os méritos suficientes para ser premiado.
As creacións gañadoras anunciaranse e visualizaranse nunha gala de entrega nun dos espazos da Deputación de Pontevedra coa presenza do alumnado premiado.
Oitava. Criterios de valoración
Para a valoración das propostas teranse en conta a creatividade e a orixinalidade, a lectura ou o canto e a interpretación, a música, o baile, o decorado, o atrezzo, a posta en escena, o vestiario, así como calquera outro engadido que enriqueza a proposta, con total liberdade creativa.
A organización do concurso reserva o dereito de excluír todas aquelas propostas que sexan violentas, sexistas, racistas ou vulneren algún dereito fundamental das persoas.
A Deputación comunicaralle ao centro escolar cuxa proposta fose premiada a data e a hora do acto público de entrega dos premios, que terá lugar en horario escolar. Para facilitar a asistencia, costearase o transporte do alumnado e da representación do profesorado ou da dirección desde o centro escolar ata o lugar do acto.
Novena. Propiedade intelectual
A participación neste concurso supón a autorización das persoas participantes para que esta institución difunda, reproduza ou publique os proxectos premiados na gala de entrega correspondente, así como nas informacións xurdidas desta entrega, coas limitacións derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, de 12 de abril, polo que se aproba o Texto refundido da Lei de propiedade intelectual.
A Deputación de Pontevedra non difundirá externamente os vídeos recibidos, salvo petición previa e autorización expresa.
Décima. Protección de datos
Os datos persoais recollidos neste concurso serán obxecto de tratamento pola Deputación de Pontevedra en calidade de órgano responsable coa finalidade de xestionalo. A lexitimación para o tratamento baséase no cumprimento dunha tarefa de interese público ou no exercicio de poderes públicos segundo a normativa de réxime local de aplicación.
Os datos persoais obtidos neste procedemento non serán obxecto de comunicación.
As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, exercitar outros dereitos ou revogar o consentimento segundo o previsto en https://depo.gal/proteccion-de-datos/exercicio-de-dereitos.