Últimos días para visitar a exposición #HeNacidoParaVivirLaVida no Pazo provincial da Deputación

A mostra, impulsada pola Federación ASPACE Galicia en colaboración coa Fundación GMP, incide na importancia da atención temperá na parálise cerebral

31/01/2024

A exposición #HeNacidoParaVivirLaVida poderase visitar no Pazo provincial da Deputación ata o vindeiro mércores 7 de febreiro. A mostra, impulsada pola Federación ASPACE Galicia en colaboración coa Fundación GMP, incide na importancia da atención temperá para o futuro das nenas e nenos con parálise cerebral como garante dunha vida independente.  

#HeNacidoParaVivirLaVida recolle 22 imaxes en cor e cheas de vida realizadas polo fotógrafo zaragozano Luis Simón Aranda. A exposición pretende facer un chamamento sobre a correcta atención das nenas e nenos con parálise cerebral nos seus primeiros meses e anos de vida como fundamento para a participación na sociedade das persoas con grandes necesidades de apoio. De feito, as imaxes amosan ese reflexo da atención temperá na vida destas e destes menores, con fotografías do seu día a día, así como imaxes de persoas adultas.

O Pazo provincial da Deputación foi escollido como punto de partida da mostra itinerante #HeNacidoParaVivirLaVida. Tras esta primeira parada en Pontevedra, a exposición percorrerá outras 15 cidades do noso país, entre as que se atopan A Coruña, Murcia, Pamplona, Vigo, Logroño, Zaragoza, Vitoria, León, Bilbao, Salamanca, Segovia, Santander, Toledo, Zamora ou Madrid.