O Pazo provincial da Deputación acolle a exposición “#HeNacidoParaVivirLaVida” sobre a importancia da atención temperá na parálise cerebral

A deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, participou na apertura da mostra da Federación ASPACE-Galicia, que poderá visitarse ata o vindeiro 7 de febreiro

23/01/2024

Inauguración da exposición Amencer no pazo provincial

O Pazo provincial da Deputación acolle desde este martes a exposición “#HeNacidoParaVivirLaVida”, centrada na importancia da atención temperá para o futuro das nenas e nenos con parálise cerebral como cimento da vida independente e a participación das persoas con grandes necesidades de apoio. A deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, participou na apertura desta mostra itinerante de fotografías da Federación ASPACE-Galicia, que se poderá visitar no vestíbulo do Pazo ata o 7 de febreiro.

“Todos nacemos para vivir a vida: para ser felices, emocionarnos, sentir etc. E para que poidamos vivir a vida axeitadamente precisamos, sobre todo nos nosos primeiros meses e anos de vida, unha correcta atención”, asegurou a deputada provincial, ao tempo que mostrou o seu “orgullo” por ser o Pazo provincial o lugar escollido en Pontevedra para dar o tiro de saída a esta exposición. Nela, a través de 22 imaxes en cor realizadas polo fotógrafo Luis Simón Aranda, móstrase como se reflicte a atención temperá na vida de menores con parálise cerebral e no seu futuro, a través do seu día a día e do seu reflexo en persoas adultas.

Na inauguración a deputada provincial, que estivo acompañada pola presidenta da Federación ASPACE-Galicia, Concepción Somoza Torres, así como do presidente da Asociación Amencer-ASPACE, Carlos Godoy, e a vicepresidenta da Federación e xerente da Asociación, Mónica Touriño, quixo aproveitar para facerlle un recoñecemento a Aspace e “ao traballo tan necesario e importante que desenvolve”.

Tras esta primeira parada en Pontevedra, a mostra “#HeNacidoParaVivirLaVida”, que conta, ademais, coa colaboración da Fundación Gmp, percorrerá outras quince cidades do noso país: A Coruña, Murcia, Pamplona, Vigo, Logroño, Zaragoza, Vitoria-Gasteiz, León, Bilbao, Salamanca, Segovia, Santander, Toledo, Zamora e Madrid.