A Deputación abre este luns o prazo para inscribirse na última ruta ornitolóxica do ano do programa Voando nas Rías Baixas

A actividade, organizada en colaboración con SEO/BirdLife, terá lugar no complexo Intermareal Umia-O Grove (O Grove e Sanxenxo) e oferta 25 prazas para gozar o domingo 13 de decembro da diversidade de aves que se atopan nesta contorna

28/11/2026

A Deputación de Pontevedra abre este luns ás 9:00 horas o prazo para inscribirse na última ruta ornitolóxica deste ano do programa Voando nas Rías Baixas. A actividade, que terá lugar o domingo 13 de decembro en colaboración de novo coa asociación SEO/BirdLife, desenvolverase no complexo Intermareal Umia-O Grove (O Grove e Sanxenxo) e ten por obxectivo sensibilizar a poboación sobre os recursos culturais e naturais da provincia de Pontevedra e a importancia de conservar o medio natural. Ofértanse en total 25 prazas.

O complexo Intermareal Umia-O Grove trátase do mellor lugar de Galicia para a observación de aves acuáticas invernantes que chegan do norte europeo escapando do frío e da neve. Neste espazo xúntanse miles de aves de moi diversas especies, destacando grupos de anátidas, limícolas, ardeidas, ou cullereiros, que teñen no complexo un dos mellores lugares de paso e invernada da Península Ibérica.

Durante a ruta, que inclúe o desprazamento en autobús, as persoas participantes estarán acompañados por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife. A Deputación recomenda que leven roupa cómoda e calzado apropiado e porá a súa disposición unha guía de aves, prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.

Ao longo do 2026 o programa Voando nas Rías Baixas percorreu a Foz da Ramallosa e praia América, as Brañas de Xestoso, a praia da Lanzada, cabo Udra, o esteiro do Miño e a desembocadura do río Lérez e a Intermareal Combarro-Lourido. Co percorrido polo complexo Intermareal Umia-O Grove pecharanse as rutas ornitolóxicas organizadas pola Deputación de Pontevedra neste ano.