A Deputación abre este luns o prazo para inscribirse na ruta ornitolóxica polo Esteiro do Miño, na Guarda, enmarcada no programa provincial Voando nas Rías Baixas
A actividade, organizada da man de SEO/BirdLife, oferta 25 prazas para gozar o 11 de outubro dos espazos palustres e de aves como as limícolas, as ardeidas, os patos, as aves mariñas e as aguias pescadoras
26/09/2026
A Deputación de Pontevedra abre este luns ás 9:00 horas o prazo para inscribirse na ruta ornitolóxica polo Esteiro do Miño, na Guarda, enmarcada no programa provincial Voando nas Rías Baixas. A actividade, que terá lugar o 11 de outubro en colaboración de novo coa asociación SEO/BirdLife, será a quinta das sete rutas ornitolóxicas organizadas durante este ano para sensibilizar a poboación sobre os recursos culturais e naturais da provincia de Pontevedra e a importancia de conservar o medio natural.
A desembocadura do río Miño forma un esteiro con gran variedade de hábitats nos que destacan os espazos palustres, que acollen aves propias deste ecosistema. Tamén espazos onde o mar se xunta co río achegando nutrientes que aproveitan as limícolas, as ardeidas, os patos e as aves mariñas, así como aguias pescadoras que fan a ledicia das e dos observadores de aves.
Durante a ruta, que inclúe o desprazamento en autobús, as persoas participantes estarán acompañados por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife. A Deputación recomenda que leven roupa cómoda e calzado apropiado e porá a súa disposición unha guía de aves, prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.
O calendario de actividades de Voando nas Rías Baixas continuará este ano coa ruta pola desembocadura do río Lérez e Intermareal Combarro-Lourido (Poio e Pontevedra) o 15 de novembro, e polo Complexo Intermareal Umia-O Grove (O Grove e Sanxenxo), que pecha os percorridos desta edición o 13 de decembro.