A Deputación avanza no reparto do Plan Vía Depo cunha nova achega de preto de 160.000 euros para que Gondomar mellore un viario no barrio da Ameixeira

Este plan está dotado con 8 millóns de euros e o obxectivo é arranxar as vías municipais danadas polos temporais do pasado inverno

20/11/2026

A Deputación avanza no reparto do Plan Vía Depo cunha nova achega de preto de 160.000 euros para que Gondomar mellore un viario no barrio da Ameixeira

A Deputación de Pontevedra continúa aprobando a repartición de fondos do novo Plan Vía Depo entre os concellos da provincia. En concreto, a Xunta de Goberno deu luz verde a preto de 160.000 euros para que o Concello de Gondomar poida mellorar a pavimentación, drenaxe de pluviais e seguridade viaria no barrio da Ameixeira. “Estamos a ultimar o reparto deste Plan Vía Depo, do que só queda un proxecto por aprobar, que en canto cumprimente a documentación e teña o visto bo virá a esta Xunta de Goberno para poder comezar, canto antes, a executar os traballos”, asegurou o presidente Luis López.

En concreto, a intervención en Gondomar céntrase no viario que dá acceso ao núcleo desde a estrada autonómica PO-331, conformado pola rúa da Igrexa e o camiño da Ameixeira. Os traballos permitirán renovar os firmes mediante a aplicación dunha nova capa de mestura bituminosa asfáltica nunha lonxitude total de máis de 460 metros, así como mellorar a recollida das augas de escorrentía coa instalación de novas rigolas de formigón no primeiro tramo do camiño da Ameixeira.

O Vía Depo, dotado con 8 millóns de euros, naceu como un programa extraordinario para atender diferentes necesidades dos concellos, especialmente as relacionadas co mantemento e mellora das estradas de titularidade municipal, os accesos a recursos naturais e a reparación dos danos provocados polos temporais deste inverno. O programa establece unha achega mínima de 50.000 euros por concello, mentres que o resto dos fondos se distribúe aplicando criterios obxectivos relacionados coa superficie, a poboación e o número de entidades singulares de cada municipio.