A Deputación volve a colaborar coa Asociación Alborada impulsando o programa “Verdear”

O programa, ao que a Deputación destina 15.000 euros, conta con actividades formativas, ocupacionais, terapéuticas, de lecer ou de emprendemento,

13/07/2022

A Deputación de Pontevedra destina neste 2022 15.000 € para impulsar o programa de emprendemento educativo e social "Verdear" que a Asociación Cidadá de Loita contra a Droga Alborada desenvolve nas súas instalacións de Cabral en Vigo. Trátase dun espazo de emprendemento educativo, social e de continuidade terapéutica, no que están a participar unha trintena de persoas para superar condutas aditivas a través da agricultura e do medio ambiente como soporte de aprendizaxe.

"Verdear" está a beneficiar a unha trintena de persoas da área de Vigo e de centros asistenciais de concellos como O Porriño, Redondela, Nigrán, Baiona ou Baixo Miño. Tamén realiza actividades de divulgación entre centros educativos, atendendo a grupos de entre 25-60 escolares por día. Está pensado para crear un espazo saudable que favoreza a continuidade dos procesos de tratamento das persoas con condutas aditivas e das súas familias, mellorando a súa calidade de vida a través da integración social activa. Ten por finalidade impulsar actividades formativas, ocupacionais, terapéuticas, de lecer e emprendemento que faciliten o seu desenvolvemento, así como aumentar o coñecemento da natureza, o seu coidado e protección, e potenciar iniciativas de tempo de lecer. Así, abrangue cursos sobre agricultura ecolóxica, xardinería, mantemento da horta, transformación de produtos e, entre outras iniciativas, proxectos para impulsar a inserción laboral e o traballo autónomo.

A Asociación Cidadá de Loita contra a Droga Alborada, creada en 1982, cumpre neste 2022 40 anos no acompañamento a pacientes con condutas aditivas. Ao longo destes anos ten creado un equipo de prevención que traballa nas escolas de Vigo, un centro de Día de adolescentes en conflito ou programas de atención ás novas dependencias, sen abandonar os traballos coas dependencias a todo tipo de sustancias.