O Plan ReacPon da Deputación facilita a Mondariz construír a gran área de deporte urbano que senta as bases para o futuro crecemento urbanístico da vila

Carmela Silva aplaude un proxecto, valorado en 436.000 euros, “que é un acerto porque cumpre moitos obxectivos e oferta servizos comparables aos das grandes cidades”

09/02/2022

Firma do convenio ReacPon co alcalde de Mondariz
 

Un gran área de deporte urbano, de 4.500 metros cadrados de superficie, servirá para recuperar un espazo degradado en pleno centro de Mondariz e, á vez, conectar os espazos de Rede Natura nas beiras do río Tea co propio tecido urbano. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asinou co alcalde, Xosé Emilio Barros, o convenio encadrado dentro do plan Reacciona Pontevedra (ReacPon) que financiará unhas obras valoradas en 435.644 euros, dos que a Deputación achegará case o 90%, 392.079 euros, e o Concello os 43.564 euros restantes.

Carmela Silva aplaudiu a iniciativa municipal da que, recalcou, non só gozarán as/os veciñas/os de Mondariz, senón de toda a contorna “xerando así atracción e actividade económica”. Ademais, engadiu, Mondariz reforza os seus recursos patrimoniais, turísticos e gastronómicos “cun espazo para o turismo de familia, que hoxe é fundamental en tódolos destinos”. “Estamos diante dun proxecto que é un gran acerto, porque cumpre moitos obxectivos”, continuou antes de recalcar que coñece moitos parques de deporte urbano i é de destacar que Mondariz apostara tamén por ofertar un servizo comparable ao que teñen as grandes cidades “atendendo non só a unha demanda que non era só da mocidade, senón do conxunto da cidadanía”.

A presidenta puxo en valor o modelo transformador da Deputación para a provincia e así citou o nacemento do Plan Concellos para o financiamento regrado ordinario dos municipios, pero tamén o impacto dos plans extraordinarios destes últimos anos, tamén repartidos con criterios obxectivos, como o plan de Reequilibrio, o DepoRemse ou o Ágora. Un apoio provincial que continúa co plan ReacPon, que permitirá a execución doutros 47 grandes proxectos en concellos de tódalas cores políticas. “Na Deputación somos conscientes da escasa capacidade dos concellos pequenos para facer fronte ás grandes obras e por iso optamos por facer políticas expansivas e por iso decidimos solicitar un crédito de 25 millóns para sacar adiante este plan ReacPon”, explicou. Ademais vinculou estes plans de obras coas políticas provinciais a prol da igualdade, da recuperación do patrimonio, do turismo sostible, a mobilidade amable ou a dixitalización das pemes e autónomos a través de programas como SmartPeme para ser máis competitivos. Todo elo coa referencia da Axenda 2030 e un modelo de provincia que xa é unha referencia en España. A titular da Deputación concluíu lamentando que este modelo de financiamento regrado e suficiente para os concellos non sexa imitado dende a Administración autonómica: “Vexo con preocupación e indignación que a Xunta asina convenios millonarios só cos concellos do PP e isto, en pleno século XXI, é intolerable”, lamentou.

Xosé Emilio Barros felicitou á Deputación pola “valentía” de sacar adiante plans que converten en realidades os grandes proxectos municipais. “A Deputación é a única pata na que os concellos pequenos podemos atopar esta colaboración; sen ela, dificilmente, poderíamos afrontar iniciativas como a que asinamos hoxe”. Na súa opinión, o Plan Concellos foi “un gran avance”, “pero eran moi necesarios tamén programas valentes como este ReacPon”.

De ir “pouco a pouco”, a acometer un proxecto “doutra dimensión”

En canto á nova área de deporte urbano explicou que transformará un espazo totalmente degradado, sen accesibilidade, incluíndo un campo de fútbol en desuso, no enlace  entre as sendas do río Tea, contorna declarada como Rede Natura, co centro urbano da vila. O alcalde explicou que xa se fixo un circuíto de pump-truck cos fondos dos Plan Concellos e  no Concello pensaban ir “pouco a pouco” co resto destes 4.500 metros cadrados ata que se convocou o ReacPon “e puidemos afrontar unha dimensión que antes era imposible”. “O proxecto”, afirmou, “senta as bases para o futuro da localidade, que non será a mesma despois desta actuación”. Xosé Emilio Barros concluíu que a xornada de inauguración será “un día histórico” para o seu pobo e anticipou a invitación á presidenta da Deputación e ao Goberno provincial.

A nova área deportiva do municipio do Condado incluirá un skatepark de 1.115 metros cadrados, unha pista multideporte de 45x23 metros, rocódromo  de 16 metros de altura e 3 de ancho e un circuíto de calistenia, todo elo para a práctica deportiva ao aire libre. Sitúase na contorna do antigo campo da Minada, na avenida do Grupo Escolar. A totalidade do espazo será accesible, con paseos e zonas de descanso, así como un miradoiro na parte alta, equipado con parques e xardíns. Ademais, toda a contorna disporá de mobiliario e iluminación led con eficiencia enerxética.

Galerias de imagenes

videos

Mostrando el intervalo 1 - 3 de 21 resultados.