A Deputación e o concello de Vilagarcía arrancan o proceso para a nova biblioteca que será posible co financiamento do Plan ReacPon

Carmela Silva e Alberto Varela subscribiron o convenio para transformar a antiga sede do Liceo Casino nesta nova dotación cultural, cun ambicioso orzamento de máis de 1,7 millóns de euros

18/01/2022

 

"Unha biblioteca do século XXI que Vilagarcía terá grazas á Deputación de Pontevedra". Así se pronunciou hoxe o alcalde Alberto Varela tras o acto oficial da sinatura do convenio coa presidenta da Deputación Carmela Silva ao abeiro do Plan ReacPon. O plan provincial de recursos extraordinarios facilitará a reforma do local da antiga sede do Liceo Casino para construír este novo e moderno equipamento cultural que será eficiente enerxeticamente, en liña cos obxectivos da Axenda 2030, tal e como se esixía nas bases do plan provincial. Cun importante orzamento de 1.768.042,71 euros, dos que a institución provincial aporta o 70 %, 1.237.629,90€, e o Concello o 30%, 530.412,81€, o actual edificio será completamente remodelado para dar cabida a esta nova dotación.

A presidenta Carmela Silva destacou que "hoxe hai outra Vilagarcía", cunha aposta no mandato de Alberto Varela dunha transformación integral da cidade "que é máis que sorprendente", comprometida coa recuperación do seu espazo público para as persoas e con dotacións para a cultura "que están a converter a Vilagarcía nunha gran referencia en Galicia e o Estado".  Neste senso, felicitou ao rexedor por este "potentísimo e necesario" proxecto da nova Biblioteca que vai permitir garantir o acceso a cultura a toda a veciñanza e dar saída "á moita actividade cultural desta cidade" e con especial énfase ao fomento da lectura entre as crianzas e á dixitalización".

Carmela Silva volveu reivindicar maior peso para o mundo local "que é o máis preparado, eficaz e rápido  e que nunca devolve un euro, porque ningunha outra administración sería capaz de presentar en tan pouco tempo proxectos tan potentes, maduros e esixentes e que compren coa Axenda 2030 e o Plan de Resiliencia". Pola contra, dixo, "vemos como a Xunta devolveu 1.500 millóns de fondos europeos". "Por iso, reclamo que as administracións, a Unión Europea, o Goberno do Estados, e as Comunidades Autónomas dediquen recursos non condicionados para que os concellos poidan desenvolver proxectos e xestionar recursos". A presidenta tamén lamentou que mentres que os planes provinciais como o ReacPon van beneficiar con criterios obxectivos e rigorosos a concellos de todas as cores políticas, "vexo con estupefacción que a Xunta está asinando convenios cunha aplastante maioría de concellos do PP e tamén financiando bibliotecas como esta. Por iso fago un chamamento para que esta biblioteca e outros equipamentos dos concellos co Plan ReacPon obteñan tamén financiamento da Xunta. Significará que os concellos e a Deputación non terían que aportar tantos recursos que poderían dedicar así a mellorar máis a vida da xente".

Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, agradeceu á Deputación a colaboración para poñer en marcha esta ambiciosa actuación "que vai permitir que a cultura en Vilagarcía estea á altura do século XXI", froito da "viva e inquieta" actividade cultural do concello. O tamén presidente da Fegamp puxo en valor a transformación que está a vivir Vilagarcía e toda a provincia gracias a "esta maneira de traballar da Deputación", e subliñou neste senso que "alcaldes e alcaldesas de todas as cores grazas á institución provincial van poder realizar actuacións necesarias e no beneficio da súa veciñanza con esa liña de traballo baseada na lealdade institucional". Varela sinalou que "este é o espello no que se teñen que mirar todas as administracións, nesta maneira de traballar con criterios obxectivos", algo que segundo indicou "non sucede coa Xunta", e recoñeceu á Carmela Silva que "a sorte de contar con estes plans provinciais só se explica ao ter a unha presidenta que coñece tan ben o municipalismo"

O proxecto

A actuación para reformar a antiga sede do Liceo Casino suporá, na práctica, a construción dunha nova biblioteca ante o estado de deterioro do edificio con entrada de auga, humidades na fachada e cuberta da terraza, ocos no falso teito, plaquetas cerámicas e gresite fisurados e rotos, amais de carecer de boas condicións para a protección contra incendios, seguridade, uso e accesibilidade, eficiencia enerxética, protección contra o ruído, humidade e calidade do aire interior.

De feito, modificarase a fachada actual por un sistema de fachada ventilada con maior illamento térmico e acústico e substituirase a carpintería por unha con rotura de ponte térmico e vidros illantes. Impermeabilizaranse tamén as terrazas, instalaranse pavimentos de granito silvestre nos accesos e de caucho e resina nos aseos, almacéns, depósito pechado. O proxecto tamén contempla a demolición dos tabiques para unha distribución de espazos máis abertos e interrelacionados, aproveitando a luz natural. 

En canto á distribución, o acceso á biblioteca será  pola antiga entrada ao Liceo Casino, haberá novas escaleiras e instalarase un ascensor adaptado. Está previsto que o antigo salón, de dobre altura, sexa sala de lectura. A parte inferior da galería dedicarase a depósito aberto, con estantes entre as dúas liñas de pilares que a sosteñen. Terá unha biblioteca infantil separada da hemeroteca pola terraza e aí estarán tamén as oficinas de administración, dirección e unha zona de ordenadores con acceso a Internet. Finalmente, a zona central (antiga cafetería) dedicarase a depósito aberto. Haberá espazo de almacenamento, instalacións e aseos. A actuación completarase co mobiliario que inclúe estantes, mesas e bancos.

videos