A gran transformación acometida cos recursos da Deputación na rúa Arcebispo Lago de Vilagarcía de Arousa multiplica por catro o espazo público para as persoas

Carmela Silva: “Vilagarcía de Arousa cambiou como nunca na historia, non se pode negar; é unha cidade onde merece moito a pena vivir e un concello espello onde se miran moitos outros”

15/03/2023

Inauguración Arcebispo Lago en Vilagarcia de Arousa

O corazón urbano de Vilagarcía de Arousa conta desde agora con 1800 metros cadrados máis para as persoas co impulso da Deputación de Pontevedra. Trátase das obras de recuperación do espazo público na rúa Arcebispo Lago, que recibiron un total de 485.000 € da Deputación, procedentes do Plan Concellos (385.000 euros) e do plan Ágora (100.000 €). Con esta “transformadora actuación”, sinalou a presidenta Carmela Silva na súa visita á rúa xunto ao alcalde, Alberto Varela, “Vilagarcía de Arousa é unha referencia en todo o Estado e estase a converter nunha cidade cun proxecto que dá moita calidade de vida, onde merece moito a pena vivir e un concello espello onde se miran moitos lugares, tamén máis alá da nosa provincia”.

A presidenta Carmela Silva sinalou que as de Arcebispo Lago ou a praza de Galicia son “obras que o mudan todo, e fan que ata os edificios parezan máis fermosos”. A presidenta marabillouse do son da auga procedente das fontes e estanques da rúa e da “xente camiñando e ocupando este novo espazo”, algo que “me fai inmensamente feliz porque na política temos que mellorar a vida da xente”. Por iso, asegurou, “síntome moi orgullosa deste goberno local, que ten cambiado Vilagarcía de Arousa como nunca na historia e isto non se pode negar, porque son realidades”, e avanzou que “isto non vai quedar aquí: na Deputación seguiremos recuperando espazo público e poñendo en marcha dotacións e equipamentos para continuar mellorando a calidade de vida da veciñanza de Vilagarcía de Arousa”.

A presidenta provincial tamén sinalou que, ademais de fondos provinciais, Vilagarcía de Arousa captou fondos europeos para as obras de Arcebispo Lago, concretamente fondos EDUSI a través do Goberno de España. “Estamos sendo a Deputación, Europa e os recursos propios do concello quen estamos facendo as grandes obras transformadoras”, salientou. Ademais, Carmela Silva lamentou que mentres que “nós podemos vir aquí falar dos grandes investimentos feitos pola Deputación co Concello, outras administracións non poden vir contar nada”, en alusión á ausencia de grandes proxectos na cidade por parte da Xunta de Galicia.

Pola súa banda o alcalde, Alberto Varela, agradeceu a Deputación porque “temos unha aliada nela e os principais investimentos transformadores de Vilagarcía de Arousa teñen todos o seu apoio”, como a escola infantil de Vilaxoán, o albergue do Carril (Plan Concellos) ou a nova biblioteca municipal (ReacPon). Grazas aos plans, tanto o Plan Concellos como os extraordinarios, “podemos seguir avanzando para implementar o modelo de cidade que defenderemos sempre: unha cidade amable que recupera espazo público para que maiores e crianzas gocen e xoguen en zonas que antes eran de paso e agora son de xogo e recreo”. De feito, o rexedor sinalou que nos últimos anos se recuperaron “40.000 metros cadrados para as persoas” e asegurou que “imos seguir traballando para seguir medrando, pensando na nosa xente, facendo rúas polas que todo o mundo pode camiñar de xeito seguro”. Sobre isto, Varela puxo o exemplo de “persoas maiores que se nos achegan a dicirnos que antes esquivaban rúas por non ser accesibles” e que agora xa non teñen que facelo.

A actuación en Arcebispo Lago supuxo multiplicar por catro o espazo para as persoas nesta céntrica rúa, onde a veciñanza xa leva un mes paseando, descansando e gozando das súas fontes (que contan con espectáculo nocturno de luces), estanques e xardíns urbanos. As obras posibilitaron unha transformación total, integrando a rúa no deseño de actuacións anteriores como a da Praza de Galicia, restrinxindo o tráfico rodado –unicamente permitido para o acceso a garaxes e para a carga e descarga–, adaptando o pavimento para a circulación e descanso, dotando o espazo de zonas verdes –árbores, xardineiras con arbustos e plantas decorativas–, e instalando nova iluminación LED, máis respectuosa co medio ambiente, e bancos de formigón para o descanso. Tamén se renovaron as redes de augas pluviais e de saneamento, que acadaron as maiores partida do proxecto.

A protagonista do proxecto é a auga, en referencia ás particularidades xeográficas de Vilagarcía de Arousa. A zona que ocupa o centro urbano de Vilagarcía de Arousa foi unha marisma, á que se lle gañaron centos de metros a raíz da edificación no século XIX. Froito disto, a cidade sufriu frecuentemente inundacións, xa que a auga reclamaba o seu sitio. As reformas de espazos como a praza de Galicia e Arcebispo Lago, ademais de solucionar estes graves problemas, devolven á auga o protagonismo a través da súa presenza física controlada.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.