Luis López anuncia case medio millón de euros para a mellora da eficiencia enerxética e ampliación da escola infantil de Mosteiro nunha visita a Meis

O presidente da Deputación de Pontevedra asinou este martes un convenio de colaboración, enmarcado no programa PON2030, coa alcaldesa desta localidade do Salnés, Marta Giráldez

14/11/2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, asinaron este martes un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con 400.000 euros, o 85 % do orzamento, os traballos para a mellora da eficiencia enerxética e creación dunha nova aula na escola infantil de Mosteiro. O Concello, pola súa banda, achega o 15 % restante (70.000 euros). “Son moi boas noticias para o Concello e os habitantes de Meis. É un proxecto que nace da man da colaboración entre a Deputación e o Concello porque levamos no noso ADN o municipalismo”, declarou o mandatario provincial despois de asinar o acordo.

A obra, valorada nun total de 467.000 euros, ten un dobre obxectivo. Por unha banda mellorarase a eficiencia enerxética do inmoble a través da renovación da envolvente exterior, da implantación dun novo sistema para o quecemento da auga sanitaria, da instalación dun novo sistema de climatización por aerotermia e da substitución da carpintería exterior. Por outro lado, a intervención servirá tamén para reorganizar os espazos interiores da escola infantil para crear unha nova aula que permita atender a crecente demanda da única escola infantil para nenas e nenos de 0 a 3 anos coa que conta o Concello.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Meis realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación quePu fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.

Luis López quixo recordar tamén o compromiso do seu goberno co apoio a todos os concellos da provincia. “Vimos de aprobar o Orzamento máis alto da historia da Deputación, que destina un de cada tres euros para os concellos”, recordou o presidente, quen matizou que ese apoio verase incrementado ao longo do próximo ano coa aprobación de novos programas.

A sinatura deste convenio entre a Deputación e o Concello de Meis foi o motivo da primeira visita institucional de Luis López a este municipio do Salnés. Unha reunión pola que o dirixente provincial quixo “agradecer o trato que nos dispensaron. Meis é un exemplo de municipalismo e colaboración leal encamiñada a que os veciños obteñan o mellor beneficio. É a miña primeira visita como presidente da Deputación, vez pero estou seguro de que non será  a última”, concluíu López.

audios