A Deputación destina 100.000 € a 118 entidades da provincia no marco da segunda convocatoria da liña de axudas para financiar a adquisición de bens e servizos en eventos deportivos

O presidente provincial Luis López subliña que en total, ao abeiro da primeira e segunda convocatoria desta liña de axudas, 266 entidades da provincia benefícianse de 220.000 €

16/01/2026

Xunta de Goberno

A Deputación de Pontevedra aprobou conceder 100.000 € a 118 entidades da provincia no marco da segunda convocatoria da liña de axudas para financiar a adquisición de bens e servizos en campionatos e eventos deportivos. Así o confirmou en conferencia de prensa o presidente provincial Luis López quen recordou que en total, ao abeiro da primeira e segunda convocatoria desta liña de axudas, 266 entidades estanse a beneficiar de 220.000 €.

A liña de axudas para financiar a adquisición de bens e servizos para a organización de eventos deportivos púxose en marcha por vez primeira no 2025 cun orzamento de 120.000 € que foi esgotado e do que se beneficiaron, inicialmente, 148 entidades. Co obxectivo de “non deixar a ninguén atrás”, tal e como explicou López, o goberno provincial decidiu sacar unha segunda convocatoria, dotada con 100.000 €, que acaba de ser aprobada e que vai permitir que outras 118 entidades reciban recursos provinciais para poñer en marcha estas actividades.

En liñas xerais, as entidades benefícianse de ata un máximo de 1.000 € para adquirir medallas, trofeos, camisetas ou material promocional, ou para contratar servizos como a asistencia sanitaria, seguridade, montaxe, desmontaxe, cronometraxe ou arbitraxe para o desenvolvemento de campionatos ou eventos deportivos na provincia.

“Sempre o digo: este é un goberno de feitos. Queremos que Pontevedra sexa a provincia do deporte e avanzamos, día a día, semana a semana, para que este desexo sexa unha realidade”, asegurou o presidente Luis López quen engadiu que “onte mesmo presentamos a campaña de promoción turística para o 2026 que, como sabedes, xirará arredor do deporte baixo o lema Rías Baixas, a túa meta, o teu destino”.

videos

audios