O goberno de Luis López destina máis de 27 millóns de euros á promoción económica da provincia e ao impulso do emprego

“Diriximos 20 millóns de euros á contratación de máis de 1.500 persoas nos concellos da provincia a través da liña de emprego do Plan +Provincia e de +Emprega”, remarcou a vicepresidenta e deputada delegada de Promoción Económica Luisa Sánchez

14/07/2025

O goberno de Luis López mobilizou nos dous primeiros anos de mandato máis de 27 millóns de euros á promoción económica da provincia e ao impulso do emprego. A vicepresidenta provincial e deputada delegada de  Promoción Económica, Luisa Sánchez, remarcou que "diriximos 20 millóns de euros á contratación de máis de 1.500 persoas nos concellos da provincia a través da liña de emprego do Plan +Provincia e de +Emprega" e destacou a aposta pola formación da mocidade, pola capacitación tecnolóxica de pequenas e medianas empresas, polo apoio na organización de grandes eventos feirais na provincia, pola renovación do comercio no rural mediante a dixitalización e polo fomento do emprendemento.

"Estamos a liderar proxectos para que a provincia de Pontevedra siga a ser o motor económico de Galicia, con iniciativas que nos están a permitir avanzar neste ámbito e posicionarnos como o gran polo económico da nosa comunidade e de todo o noroeste peninsular", subliñou Sánchez. Ao respecto remarcou, ademais dos programas de emprego, os de capacitación tecnolóxica como SmartPeme ou Acelera Pyme Rural, cun investimento de 1,5 millóns de euros, ou Da Túa Man Rural I e II, dotados con máis de 1,1 millóns de euros para revitalizar o pequeno comercio no rural mediante a dixitalización, formación e atracción de clientela. Igualmente puxo en valor a creación do Observatorio de Competitividade Provincia Extraordinario, impulsado para analizar as fortalezas, oportunidades, retos e debilidades da economía provincial nos distintos sectores produtivos e sociais, e o apoio na organización de grandes eventos feirais como Stone Gal, Aquafuture Spain, Mindtech ou Navalia.

Ademais, a vicepresidenta fixo fincapé no impulso do emprendemento con preto de 800.000 euros para os Viveiros de Empresas da Deputación en Barro e Lalín, onde se desenvolven programas de crecemento empresarial e aceleradoras de empresas; con máis de 132.000 euros para o fomento da cultura emprendedora na escola e institutos; ou con máis de 110.000 euros para o desenvolvemento de ideas de negocio e creación dun ecosistema emprendedor sostible apoiando iniciativas como Incuvi e Pont-Up Store ou do Centro de Apoio Empresarial de Barro.

Sánchez tamén subliñou a firme aposta para "que a mocidade desta provincia sexa a mellor preparada da historia", co desenvolvemento de diferentes programas e iniciativas para completar a súa formación no estranxeiro. En concreto, destináronse xa nestes dous primeiros anos de goberno 2,4 millóns de euros tanto para a mobilidade internacional da xuventude que estuda Formación Profesional como para o alumnado dos Campus de Pontevedra e Vigo da Universidade de Vigo.