Luis López reafirma o compromiso da Deputación no impulso á gastronomía para consolidar un destino de referencia en sustentabilidade e calidade
O presidente provincial detalla programas para promover un turismo sustentable e desestacionalizado nas provincia centrado no marisqueo a natureza ou a gastronomía
21/11/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirma o compromiso da Deputación para facer das Rías Baixas un destino sustentable, desestacionalizado e ligado á gastronomía e ao territorio na celebración do XXXIV Gran Capítulo Internacional da Confraría do Centolo Larpeiro do Grove na Illa da Toxa. O mandatario provincial repasou os distintos proxectos impulsados desde a Deputación para promocionar a gastronomía, como as food trucks O sabor das Rías Baixas que viaxarán o vindeiro ano a Portugal para evidenciar o compromiso compartido coas confrarías gastronómicas. “Un sector fundamental para o noso territorio, como é o do turismo gastronómico. Unha rede fundamental que atrae visitantes, nos converte en referencia internacional e xera riqueza tanto no Grove como no conxunto da provincia”, afirmou o dirixente nun encontro no que estivo acompañado polo deputado provincial Javier Tourís, responsables da confraría, representantes de institucións públicas e traballadores do sector.
Nunha xornada centrada na posta en valor da achega que o sector gastronómico fai tanto á economía como ao turismo, á sustentabilidade do territorio e á vida social no Grove e no conxunto das Rías Baixas, o presidente da Deputación recoñeceu o labor que realizan a diario os colectivos que promoven a gastronomía da provincia e o seu produto. “Este colectivo é tan aberto e hospitalario como o turismo e a gastronomía. Cando se trata de poñer en valor o noso sector primario, co o noso produto do mar á cabeza, cando se trata de divulgar a riqueza da nosa cociña ou da nosa gastronomía e cando se trata de dar a coñecer os atractivos dun destino —Rias Baixas— líder en visitantes nacionais e internacionais, en atención excelente ao visitante e en oferta diversa e de calidade; sempre poderedes contar con esta Deputación”, valorou López.
A consolidación da provincia como destino de referencia para un turismo sustentable, de calidade e internacional, así como o posicionamento da gastronomía e a cociña tradicional e de produto como un dos grandes atractivos do territorio ten no sector pesqueiro unha das súas causas e no concello do Grove un polo de atracción de visitantes. É por iso que, segundo remarcou o presidente provincial, a Deputación ten a man tendida para afondar na cooperación cos colectivos e reforzar iniciativas propias como os programas Voando nas Rías Baixas, para ollar aves; o apoio á festas gastronómicas, as Rutas Sensoriais de Marisqueo, a observación do ceo nocturno o a promoción da gastronomía a través da xira das Food Trucks: O Sabor das Rías Baixas.
