Luis López pon en valor, a días de iniciar o novo curso escolar, os programas de visitas que a Deputación ofrece aos centros de ensino da provincia

A institución ofrece percorridos guiados totalmente de balde polo Pazo provincial, o Museo de Pontevedra, os castelos de Soutomaior e Sobroso, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro e a Finca Mouriscade

04/09/2026

Luis López pon en valor, a días de iniciar o novo curso escolar, os programas de visitas que a Deputación ofrece aos centros de ensino da provincia

A Deputación de Pontevedra mantén unha liña de colaboración continua coa comunidade educativa da provincia. A días de que comece o novo curso escolar, cando o persoal docente dos centros de ensino comeza a pensar xa en posibles excursións e actividades entre setembro e xuño, o presidente Luis López lembrou este venres o catálogo de visitas escolares que a institución provincial lles ofrece tanto nas súas instalacións como noutros espazos de especial relevancia da provincia de Pontevedra e de Galicia “adaptadas a todas as idades e niveis educativos”.

No que ten que ver coas instalacións e centros da súa titularidade, a Deputación organiza visitas ao Pazo provincial, o Museo de Pontevedra, os Castelos de Soutomaior e Sobroso, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro e a Finca Mouriscade. As visitas ao Pazo comezan admirando a súa arquitectura, obra de Alejandro Rodríguez Sesmero, e durante o percorrido reciben unha explicación sobre os servizos que presta a institución ou como se elixen os deputados provinciais. O alumnado pode descubrir algunhas curiosidades das principais salas nobres do inmoble, como a Sala de Comisións, presidida polos retratos de todas as presidencias provinciais. Ademais, no seu paso polo Salón de Plenos poden ocupar os escanos e a mesa presidencial e mesmo participar nun pequeno simulacro de sesión plenaria. O presidente Luis López tamén destacou que “se estou no Pazo provincial no momento da visita, sempre saco tempo para levalos a ver o meu despacho”. Os centros poden coordinar as visitas poñéndose en contacto co Servizo de Protocolo.

Un dos programas máis populares é o do Museo de Pontevedra. O Departamento de Educación coordina un proxecto educativo que o posiciona como un espazo de aprendizaxe e creación que busca xerar experiencias e coñecemento crítico a partir das súas coleccións. Así, o Museo conta cunha ampla oferta educativa que atende as demandas de públicos diversos e, en concreto, da comunidade educativa. A través do programa asociado Coñece o Museo, a Deputación tamén financia o desprazamento en autobús desde o centro. Os centros teñen á súa disposición máis dunha vintena de experiencias, tres para alumnado de Infantil (desde o segundo grao), 11 para Primaria, cinco para Secundaria e catro para alumnado de Bacharelato.

As modalidades de visita e as actividades buscan achegar o alumnado ás coleccións do Museo, con propostas que abarcan desde a Arqueoloxía ata as Belas Artes, a obra de Castelao ou a pegada das artistas mulleres na colección. Desde 2023 o Museo recibiu arredor de 14.000 alumnos cada ano natural, e neste momento xa se teñen concertadas sesións con 15 centros que visitarán entre o 11 e o 25 de setembro o cadro ‘A derradeira leición do mestre’, de Castelao, coa participación de arredor de 1.100 alumnos da ESO e Bacharelato.

A Deputación tamén organiza visitas escolares de balde aos Castelos de Soutomaior e de Sobroso “para descubrir as grandes xoias do patrimonio arquitectónico das Rías Baixas”, sinalou Luis López. No caso de Soutomaior, para grupos dun máximo de 25 alumnos, os centros poden escoller entre dúas modalidades guiadas, unha soamente polo interior e outra que inclúe o percorrido polos xardíns de Excelencia Internacional en Camelia (que, en calquera caso, poden visitar libremente), e o persoal tamén ten á súa disposición material didáctico para alumnado de Educación Infantil e Secundaria. No caso de Sobroso, pola menor capacidade das súas salas os alumnos deben saír repartidos en grupos de 14 alumnos e un docente en quendas cada 15 minutos. En ambos os dous casos, a consulta de dispoñibilidade e reserva debe realizarse a través do correo electrónico. Preto de 200 grupos escolares visitaron os castelos desde o curso 2023/2024.

En xuño deste ano, a Deputación renovou o programa de visitas á Estación Fitopatolóxica do Areeiro trala súa grande acollida, con máis de 30 centros de toda Galicia (maioritariamente da provincia) que xa se achegaron ás instalacións. Nelas, a cidadanía pode coñecer tanto o traballo que se está a facer no centro como os seus xardíns, con preto de seis hectáreas de superficie e plantacións piloto de froiteiras, unha colección de camelias con máis de mil exemplares, a primeira plantación de té de Galicia ou un xardín de aromáticas. As visitas están a cargo de guías turísticos de Galicia e teñen unha duración aproximada de dúas horas. Para os centros de ensino, inclúense unha actividade final na que os nenos e nenas poden plantar cadansúa semente (normalmente de camelia ou de carballo) nunha maceta, que poden levar para a casa. Ademais, cada centro recibe de agasallo un exemplar de camelia co obxectivo de plantalo nas instalacións do centro e unha unidade didáctica sobre a camelia.

Por último en canto a visitas a centros dependentes da Deputación, o presidente nomeou o programa de visitas guiadas á Finca Mouriscade, en Lalín, ao que os centros se poden achegar para coñecer o laboratorio, a granxa e as 44 hectáreas da súa finca, con pradarías ou terras de cultivo, en grupos de 10 a 35 persoas. As visitas adáptanse a todos os niveis educativos cun enfoque divulgativo e accesible, e para alumnado de estudos avanzados e máis relacionados co traballo que se realiza no centro (graos de Formación Profesional ou estudos universitarios) teñen un carácter máis técnico, co obxectivo de ser un complemento práctico aos contidos que reciben na súa formación. Desde o curso 2023/2024, máis dunha vintena de grupos escolares participaron no programa de visitas.

Ademais, o presidente Luis López tamén lembrou os dous programas de visitas escolares que ten a Deputación a outros centros de interese, como Vive o Rural, que organiza este ano un total de 68 visitas para que preto de 3.000 alumnos da provincia (900 máis que en 2025) poidan coñecer as granxas escola de Serantellos (Cambados), Fervenzaventura (Silleda), Kiriko (Fornelos de Montes), Corazón de Carballo (Tomiño) e Río Mouro (Poio). Ademais, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, a Deputación organiza o programa Rosalía, a súa casiña, o meu lar, que financia os custos de desprazamento e entrada á casa-museo da autora en Padrón. Na convocatoria deste ano, un total de 40 centros puideron acollerse ao programa para coñecer a riqueza cultural da súa colección, o intenso labor que desenvolve e achegarse á figura e o legado da autora nuclear das letras galegas modernas.

Luis López sinalou que “o noso goberno mantén unha colaboración continua cos centros de ensino” que non remata na súa oferta de visitas escolares, senón que continúa con programas como DepoEmprende, a programación de actividades culturais e obradoiros nos centros ou concursos escolares como Canta Rosalía! “Temos un compromiso coa comunidade educativa, que fai un labor imprescindible e é un alicerce fundamental da nosa sociedade”, asegurou o presidente provincial.