A Deputación inicia esta semana 13 novos obradoiros do programa Provincia Activa para impulsar o envellecemento activo

Ata 250 veciños de seis concellos comezarán esta semana actividades relacionadas coa memoria, plantas medicinais, ioga, informática, cociña, ou, entre outros, restauración de mobles e tapicería

03/10/2026

A Deputación de Pontevedra continúa coa programación de obradoiros de Provincia Activa, iniciativa coa que impulsa o envellecemento activo das persoas maiores, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Esta semana, entre o luns 5 de outubro e e o sábado 10, comezarán 13 novas accións en entidades sociais que mobilizarán un total de 250 veciños de seis concellos da provincia: Ponte Caldelas, Ponteareas, Silleda, Vigo, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.

Desta maneira, este luns 5 de outubro un grupo de 24 persoas da Asociación Casa Cultural de Bugarín (Ponteareas) comezan un curso de plantas medicinais e 25 da Asociación de Veciños Santa Cristina (Vilaboa) o de restauración de mobles e tapicería. O martes 6 de outubro son 18 os usuarios da Asociación de Veciños Chan da Brea (Ponte Caldelas) os que dan inicio ao de conservando a memoria, 19 da Asociación de Veciños San Gregorio de Guillade (Ponteareas) o de ioga, 13 da Casa Cultural, Artística e Deportiva de Areas (Ponteareas) o de informática básica, 21 da Asociación Veciñal Doutor Fleming (Vigo) o de ximnasia de mantemento para persoas maiores e 17 do Centro Recreativo e Cultural de Cabral (Vigo) o de restauración de mobles e tapicería.

O mércores 7 de outubro un grupo de 17 persoas da Asociación Veciñal – Cultural Cortegada (Silleda) comezan un curso de pandeireta e canto popular e 15 da Asociación Cultural Xeada (Vilagarcía de Arousa) un de ioga. Ademais, o xoves 8 de outubro 20 persoas da Asociación de Xubilados e Pensionistas Alfonso Daniel Castelao (Vigo) inician o curso de informática básica e 25 do Círculo Artístico Deportivo Gato Negro (Vilagarcía de Arousa) o de restauración de mobles e tapicería. Finalmente, o sábado 10 de outubro 16 usuarios da Asociación de Veciños de San Vicente e Canedo (Ponteareas) comezan o curso de cociña saudable e nutritiva e 20 da Asociación Veciñal Manduas (Silleda) o de restauración de mobles e tapicería.

A Deputación ofertou neste 2026 un total de 25 obradoiros no catálogo de Provincia Activa divididos en seis bloques temáticos ‘Benestar natural’, ‘Saúde en movemento’, ‘Emociónate’, ‘Outra vida’, ‘Con ritmo!’, ‘Redeir@s’ e ‘Cerebro activo’. Provincia Activa conta este ano cun orzamento de 210.000 euros e desfrutarán dos obradoiros 160 entidades de 44 concellos da provincia.