A Deputación programa un obradoiro de capacitación tecnolóxica no marco do programa +Reto Dixital en Salceda de Caselas
O curso “Uso da banca móbil e as compras electrónicas” consta de dúas sesións que terán lugar o venres 12 e o sábado 13 de decembro para unha ducia de alumnos. A deputada provincial Paula Bouzós asistirá á última quenda
10/12/2025
A Deputación de Pontevedra continúa a partir deste venres 12 de decembro en Salceda de Caselas a programación dos preto de 70 obradoiros de capacitación tecnolóxica do programa +Reto Dixital. Esta iniciativa da institución provincial ten o obxecto de formar as persoas maiores de 50 anos da provincia para facilitarlles o seu acceso aos servizos da Administración pública, dotalas de maior autonomía para xestionar os seus trámites cotiáns, e mellorar a súa calidade de vida grazas á adquisición de competencias dixitais.
Unha ducia de alumnos participarán a partir do venres no curso “Uso da banca móbil e as compras electrónicas” no Centro social A Devesa. O curso constará de dúas sesións, os días 12 e 13 de decembro, e súmase ao xa celebrado no marco de +Reto Dixital na vila sobre a aplicación do Sergas e ao que se celebrará os días 19 e 20 de decembro sobre redes sociais.
Están a participar en +Reto Dixital, cun orzamento de 30.000 euros, un total de 23 concellos da provincia de reto demográfico entre os que se sitúan, ademais de Salceda de Caselas, Mondariz, A Lama, Meis, Vilanova de Arousa, Cerdedo-Cotobade, Portas, Rodeiro, Meaño, Sanxenxo, Bueu, O Rosal,Pontecesures, Salvaterra de Miño, Caldas de Reis, Silleda, Fornelos de Montes, Vila de Cruces, Arbo, Barro, Dozón, Catoira e Ribadumia.
Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coa inclusión dixital e coa mellora da calidade de vida das persoas maiores de 50 anos nos concellos de reto demográfico. A Deputación ofertou cinco cursos (‘A Administración electrónica’, ‘A Sede electrónica da Deputación e do meu Concello’, ‘Sergas, a súa aplicación electrónica e TELEA’, ‘Uso da banca móbil e as compras electrónicas’ e ‘As redes sociais’) e cada un incluirá un módulo inicial sobre seguridade no uso de medios electrónicos e da Internet.