A Deputación mantén aberto ata o luns 20 de abril o prazo para solicitar as axudas DepoVAN para a adquisición ou adaptación de vehículos por parte de clubs deportivos
As achegas, dotadas este ano cun millón de euros, buscan facilitar os desprazamentos aos seus adestramentos, competicións e outras actividades do seu ámbito
12/04/2026
A Deputación de Pontevedra ten aberto ata o vindeiro 20 de abril o prazo para solicitar axudas ao abeiro de DepoVAN, a liña coa que os clubs deportivos da provincia poden adquirir ou adaptar furgonetas e outros vehículos. Na súa segunda edición, estas axuda provinciais están dotadas con 1 millón de euros, fronte aos 600.000 € do pasado ano, o que supón un aumento do 67%, e axudará a facilitar os desprazamentos aos seus adestramentos, competicións e calquera outra actividade do seu ámbito, así como ao traslado de materiais.
As axudas distribúense en tres ámbitos de actuación: deporte xeral, deporte náutico e deporte para persoas con discapacidade, cun reparto de 550.000 euros, 350.000 euros e 100.000 euros, respectivamente. No caso do deporte en xeral e do deporte náutico as axudas oscilan entre os 5.000 € como máximo para adquirir remolques, ata os 15.000 € para mercar vehículos de segunda man ou os 25.000 € para vehículos novos. Pola súa banda, os clubs que acrediten unha traxectoria mínima de dous anos na promoción ou práctica do deporte entre persoas con discapacidade beneficiaranse de ata 10.000 € distribuídos en 5.000 € como máximo para adquirir remolques, realizar traballos de adaptación de vehículos ou mercar aparellos para facilitar o traslado de deportistas con discapacidade, ata 15.000 € para mercar vehículos de segunda man e un máximo de 25.000 € para adquirir vehículos novos.
A concesión das axudas realizarase polo procedemento de concorrencia competitiva en base a criterios como o número de licencias, o nivel de participación en competicións oficiais, o número de habitantes do concello ou se o club xa conta con outros vehículos. As entidades non beneficiarias no 2025 poderán presentar dúas solicitudes, mentres que as que se beneficiaron o pasado ano só poderán presentar unha.