A Deputación continúa co reparto do Plan Vía Depo con novas achegas por preto de 740.000 € para que cinco concellos melloren vías municipais

Salceda de Caselas contará con 110.000 € para a rehabilitación do firme de varios camiños, Nigrán con 120.000 € para a execución de tarefas como asfaltado e reconstrucións de diferentes camiños, Redondela con 150.000 € para as obras de reparación e mellora do camiño da Milixosa, en Cabeiro, O Covelo con 170.000 € para reparar os danos causados en infraestruturas municipais en diferentes parroquias e Vila de Cruces con 190.000 € para a mellora da capa de rodaxe de camiños en sete parroquias

25/09/2026

A Deputación continúa co reparto do Plan Vía Depo con novas achegas por preto de 740.000 € para que cinco concellos melloren vías municipais

A Deputación de Pontevedra continúa aprobando o reparto de fondos no novo Plan Vía Depo entre os concellos da provincia. O presidente Luis López confirmou o reparto de preto de 740.000 euros a través de cinco novas achegas para os concellos do Covelo, Nigrán, Redondela, Salceda de Caselas e Vila de Cruces. “Continuamos así no reparto deste Plan Vía Depo dotado con 8 millóns de euros para arranxar as vías municipais. Un plan que estamos xestionando nun tempo récord: xa só quedan tres proxectos á espera da tramitación dos concellos”, asegurou o presidente Luis López.

En concreto, O Covelo recibe 166.000 euros para a reparación de danos en infraestruturas municipais situadas nas parroquias de Campo, Godóns, Barcia de Mera, Paraños e no propio núcleo do Covelo. Procederase así a executar actuacións para mellorar a drenaxe e a contención, de saneamento e pavimentación e procederase a reparar unha focha na rúa José Fernández Muradas. No caso de Nigrán, recibe 122.000 € para executar obras para a conservación, rehabilitación e mellora da seguridade viaria en varios camiños de titularidade municipal e as intervencións inclúen a renovación xeral das capas de rodaxe asfáltico, o acondicionamento de pavimentos singulares (lastras na rúa Lourido Beiramar) e a reconstrución estrutural dun muro de contención no Paseo de Areosa.

O Concello de Redondela, pola súa banda, recibe 145.000 euros para a reparación do tramo do Camiño da Milixosa (Cabeiro) afectado polo colapso do noiro, a execución dun muro de contención, a mellora da drenaxe e a pavimentación da vía. No caso de Salceda de Caselas, con preto de 110.000 euros, o proxecto define as obras para o acondicionamento, ensanche e pavimentación de tres camiños de titularidade municipal: o Camiño do Cageño e a Estrada da Portela ao Piñeiro (ambos na parroquia de Parderrubias) e a Estrada do Charco (na parroquia de Santa María de Salceda). Por último, Vila de Cruces contará con 190.000 euros para a conservación e mellora da pavimentación en once camiños de titularidade municipal. As intervencións distribúense en sete parroquias do concello: Camanzo (Frieira e Guieral), Piloño, Sabrexo (Barral, Outeiro, Campo da Festa e Sabrexo), Besexos (Esmoriz), Toiriz (Barrio), Portodemouros (Outeiro) e San Pedro de Losón (Outeiriño).

O Vía Depo, dotado con 8 millóns de euros, naceu como un programa extraordinario para atender diferentes necesidades dos concellos, especialmente as relacionadas co mantemento e mellora das estradas de titularidade municipal, os accesos a recursos naturais e a reparación dos danos provocados polos temporais deste inverno. O programa establece unha achega mínima de 50.000 euros por concello, mentres que o resto dos fondos se distribúe aplicando criterios obxectivos relacionados coa superficie, a poboación e o número de entidades singulares de cada municipio.

audios