Luis López anuncia unha nova liña de axudas aos concellos dotada de 75.000 € para financiar material e eventos de promoción turística

A Deputación busca favorecer o incremento de visitantes, contribuír á desestacionalización das Rías Baixas e posicionalas como un destino de calidade e sostible

05/06/2026

Luis López anuncia unha nova liña de axudas aos concellos dotada de 75.000 € para financiar material e eventos de promoción turística

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres a posta en marcha dunha nova liña de axudas para que os concellos da provincia de Pontevedra poñan en marcha accións de promoción turística. A Xunta de Goberno leu luz verde ás bases, dotadas de 75.000 euros, que permitirán aos concellos financiar tanto material como eventos de promoción. “Seguimos dando pasos a favor do turismo”, sinalou o presidente Luis López, que asegurou que estes recursos “reforzan o noso apoio a un dos grandes motores económicos e grande escaparate da nosa provincia no mundo”.

As axudas están divididas en dúas liñas, unha primeira para material na que se poderá financiar o deseño, maquetación e produción de accións físicas e dixitais que sexan perdurables no tempo. O material deberá contribuír á promoción do destino Rías Baixas e á mellora da súa imaxe, respectando os principios de sostibilidade, accesibilidade e coherencia coa marca. Non se financiarán, entre outros, os gastos de distribución ou merchandising. A segunda liña financiará eventos de promoción turística que teñan como obxectivo xerar experiencias directas, atraer visitantes e poñer en valor os recursos turísticos do seu territorio. Financiaranse os custos de alugueiro de equipos, produción e coordinación ou difusión, pero non o protocolo ou o caché dos artistas, entre outros.

O máximo que poderán recibir os concellos serán 5.000 €, en todo caso, tanto se solicitan recursos nunha ou se o fan nas dúas liñas. Financiarase ata o 40% para os que teñan oficinas ou puntos adheridos á Rede INFO RÍASBAIXAS, ata o 35% para municipios declarados de interese turístico ou que teñan algunha celebración con esta distinción, ata o 30% se teñen edificios municipais co certificado SICTED, e ata o 25% o resto.

A Deputación pon en marcha estas axudas co obxectivo de incrementar os visitantes, xerar impacto económico, contribuír á desestacionalización do destino, potenciar o patrimonio e a cultura da provincia, reforzar a identidade das Rías Baixas e impulsar a participación entre entidade. O material de promoción é unha ferramenta esencial de comunicación cos visitantes potenciais, permitindo interactuar co destino e que se converta nun recordo duradeiro. Ademais, os eventos permiten xerar experiencias e espertar interese en coñecer un destino. Ambos son instrumentos estratéxicos de promoción cun retorno real que contribúen aos principais obxectivos desta nova liña.