A Deputación esgota as prazas para participar no trail e na andaina da última proba do circuíto Entre Pontes, que se celebrará o 13 de decembro en Moaña

En total, 650 persoas están inscritas no 14k trail e na andaina de 6 quilómetros. Aínda quedan prazas para participar nas carreiras infantís

18/11/2026

A Deputación esgota as prazas para participar no trail e na andaina da última proba do circuíto Entre Pontes, que se celebrará o 13 de decembro en Moaña

A Deputación de Pontevedra esgota as prazas para participar no trail e na andaina de Entre Pontes Trail &Running que acollerá o 13 de decembro Moaña. Trátase da última proba deste circuíto que puxo por vez primeira a institución provincial e que ten xa 650 persoas inscritas, 500 no 14k trail e outras 150 na andaina de 6 quilómetros. Aínda quedan prazas para participar na carreira infantil.

A vicepresidenta da Deputación e tamén responsable do servizo de Deportes, Luisa Sánchez, asegurou que o elevado interese da cidadanía por estas actividades deportivas en Moaña “revalida, unha vez máis, que somos a provincia do deporte”. Ademais, Sánchez recordou que, nestes momentos, están cubertas o 60% das prazas da carreira infantil e que quedan 60 prazas para participar, lembrando que o prazo de inscrición permanece aberto ata o 9 de decembro.

O evento contará cun trail de 14 quilómetros e máis de 500 metros de desnivel, que ten xa as 500 prazas cubertas, cun percorrido que combinará zona litoral e montaña. Ademais, haberá unha andaina non competitiva de case seis quilómetros, con 150 prazas tamén xa cubertas, e outras 150 para as carreiras infantís. Todas as actividades son de balde e contará con zonas de convivencia, animación e food trucks. Deste xeito, o circuíto mantén a súa aposta por achegar o deporte a todas as idades e condicións físicas.

A de Moaña é a última proba de Entre Pontes Trail & Running, o novo circuíto deportivo promovido pola Deputación de Pontevedra, formado por seis xornadas, tres carreiras 10k e tres trails de 14 quilómetros, todas elas acompañadas de actividades paralelas como andainas e carreiras infantís e que xa pasou pola Illa de Arousa, Vigo, Gondomar e Cerdedo Cotobade. Os obxectivos deste programa, que pretende achegar o deporte ao territorio, pasan pola descentralización das actividades deportivas, o fortalecemento da economía local, a promoción da provincia como un destino onde se pode practicar deporte ao aire libre, a sustentabilidade e a conexión coa natureza. O circuíto pecharase o 13 de decembro en Moaña tras pasar este mesmo domingo, 22 de novembro, por Pontevedra.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.