IGUALDADE
CONCURSO ESCOLAR 8M 2026
E Ti, que Pensas da Igualdade?
O concurso escolar E Ti, que Pensas da Igualdade?, promovido pola Deputación de Pontevedra dentro da programación prevista con motivo do 8M, Día Internacional da Muller, ten como obxectivo fomentar a creatividade e o pensamento crítico do alumnado da provincia, ademais de analizar a súa percepción da situación das mulleres e dos homes na nosa sociedade.
Trátase de favorecer un espazo que, ademais de promover a reflexión, sirva de altofalante para a nosa mocidade e de canle de visibilización do seu talento creativo desde diferentes disciplinas, coma a poesía, o debuxo, a música e o audiovisual, arredor dun tema crucial para a nosa sociedade: a igualdade de oportunidades real e efectiva de mulleres e homes.
Búscase afondar nos novos retos aos que nos enfrontamos mediante diferentes propostas de participación, nas que a mocidade deberá contar a súa opinión e o seu sentir, e propoñerá desde a súa mirada posibles solucións aos novos desafíos presentes no día a día.
Tras a boa acollida desta iniciativa, a Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Igualdade, acaba de poñer en marcha a terceira edición do concurso E Ti, que Pensas da Igualdade?, dirixido ás nenas, nenos, mozas e mozos da provincia de Pontevedra, coa intención de que poidan amosarlle ao mundo, mediante diversas disciplinas artísticas, cal é a súa visión sobre a igualdade de oportunidades de mulleres e homes na nosa provincia.
BASES CONCURSO ESCOLAR 8M 2026: E Ti, que Pensas da Igualdade?
Primeira. Obxecto
Estas bases teñen por obxecto establecer as condicións de participación e a convocatoria da III edición do Concurso Escolar E Ti, que Pensas da Igualdade?, que ten como fin visibilizar a percepción do alumnado da provincia acerca da igualdade de oportunidades de mulleres e homes.
Segunda. Persoas destinatarias
A convocatoria está dirixida a todo o alumnado de educación infantil, primaria, e educación especial dos centros de ensino da provincia de Pontevedra, que poderá participar de xeito individual ou grupal elaborando as súas creatividades nas diferentes disciplinas segundo a categoría.
Terceira. Categorías e disciplinas
Estableceranse cinco categorías, unha para infantil, tres para primaria e unha para educación especial:
- Infantil
- Individual: debuxo.
- Grupal: colaxe ou canción.
- Primaria
- A: 1.º e 2.º curso
- Individual: debuxo, colaxe ou conto.
- Grupal: colaxe, peza publicitaria, programa de radio ou canción.
- B: 3.º e 4.º curso
- Individual: conto, banda deseñada, debuxo ou colaxe.
- Grupal: videopoesía, canción, peza publicitaria, pódcast ou programa de radio.
- C: 5.º e 6.º curso
- Individual: banda deseñada ou viñeta.
- Grupal: videopoesía, canción ou peza publicitaria, pódcast ou programa de radio.
- A: 1.º e 2.º curso
- Educación especial
- Individual: debuxo, colaxe, viñeta ou conto.
- Grupal: colaxe, videopoesía, canción ou peza publicitaria, pódcast ou programa de radio.
En canto ás características e ao formato dos traballos presentados, deberán axustarse ás seguintes indicacións:
- Contos: serán en lingua galega ou castelá; a extensión é libre, cun mínimo dun folio A4 por unha cara, e poderán realizarse á man ou con ordenador.
- Peza publicitaria: poderá ser un cartel en formato A3 ou unha peza de publicidade audiovisual, que deberá conter un título e terá unha duración máxima dun minuto (non se poderá facer uso de elementos visuais ou sonoros que non estean libres de dereitos).
- Debuxos: deberán ser pezas orixinais realizadas con calquera material ou técnica (preferiblemente non se utilizarán técnicas dixitais), en tamaño A4.
Todos os traballos que se presenten ao concurso serán orixinais e inéditos. Non suporán, en todo ou en parte, copia de obras propias ou alleas publicadas en calquera soporte, tempo e medio de comunicación, ou plaxio doutras, entendéndose por plaxio a copia de obra allea, que se dá como propia.
Cuarta. Participación
As persoas interesadas poderán concorrer ao concurso tanto a título individual coma grupal, segundo o establecido na base terceira.
Nas categorías individuais, cada concursante poderá presentar unha única proposta.
A respecto da presentación das obras, será unha persoa responsable do centro educativo, unha persoa representante da asociación de nais e pais, unha persoa docente ou da Dirección do centro a encargada de realizala.
Nas categorías individuais identificaranse co nome da persoa participante, co curso e co nome do centro; nas grupais, co nome da titora ou titor e cos datos identificativos do centro.
Xunto coa obra, a persoa autora achegará preferiblemente un pequeno escrito dunhas liñas nas que describa que a levou a realizar esa peza e que significa para ela.
Aqueles traballos que non estean claramente identificados poderán ser descualificados.
As creacións deberán ser orixinais e inéditas.
A participación neste concurso supón a autorización das persoas participantes para que esta institución difunda, reproduza ou publique os proxectos premiados no acto de entrega correspondente, así como nas informacións xurdidas desta entrega, coas limitacións derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, de 12 de abril, polo que se aproba o Texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.
A Deputación de Pontevedra non difundirá externamente os vídeos recibidos, salvo petición previa e autorización expresa.
Quinta. Presentación das pezas
As obras enviaranse en formato PDF, JPG ou mediante ligazón de descarga ao correo electrónico participa.igualdade@depo.gal.
Sexta. Prazo para presentar as pezas
Os traballos poderán presentarse desde o 6 de febreiro ao 13 de marzo de 2026, ambos incluídos.
Sétima. Premios
Atendendo a cada unha das categorías e modalidades, os premios serán:
- Infantil
- 1.º premio
- Grupal: unha actividade educativa con perspectiva de xénero valorada en 1.000,00 € e un agasallo individual a cada compoñente do grupo.
- Individual: xogo interactivo e lote de material didáctico.
- 2.º premio
- Grupal: unha actividade educativa con perspectiva de xénero valorada en 800,00 € e un agasallo individual a cada compoñente do grupo.
- Individual: xogo interactivo.
- 3.º premio
- Grupal: unha actividade educativa con perspectiva de xénero valorada en 500,00 € e un agasallo individual a cada compoñente do grupo.
- Individual: un agasallo didáctico.
- 1.º premio
- Primaria
Para cada categoría:- 1.º premio
- Grupal: unha actividade educativa con perspectiva de xénero valorada en 1.000,00 € e un agasallo individual a cada compoñente do grupo.
- Individual: unha tableta.
- 2.º premio
- Grupal: unha actividade educativa con perspectiva de xénero valorada en 800,00 € e un agasallo individual a cada compoñente do grupo.
- Individual: un reloxo intelixente.
- 3.º premio
- Grupal: unha actividade educativa con perspectiva de xénero valorada en 500,00 € e un agasallo individual a cada compoñente do grupo.
- Individual: unha agasallo didáctico.
- 1.º premio
- Educación especial
Para cada categoría:- 1.º premio
- Grupal: unha actividade educativa con perspectiva de xénero valorada en 1.000,00 € e un agasallo individual a cada compoñente do grupo.
- Individual: unha tableta.
- 2.º premio
- Grupal: unha actividade educativa con perspectiva de xénero valorada en 800,00 € e un agasallo individual a cada compoñente do grupo.
- Individual: un reloxo intelixente.
- 3.º premio
- Grupal: unha actividade educativa con perspectiva de xénero valorada en 500,00 € e un agasallo individual a cada compoñente do grupo.
- Individual: un agasallo didáctico.
- 1.º premio
O importe dos premios nunca poderá ser trocado por diñeiro. Así mesmo, as actividades educativas deberán desenvolverse antes do 14 de decembro de 2026.
Oitava. Xurado
A selección e a concesión dos premios obxecto deste concurso realizaranse por un xurado nomeado para o efecto, que estará integrado por persoas representantes da institución provincial, profesionais do ámbito educativo, cultural, da comunicación e con formación en igualdade.
Cada obra deberá basearse no rexeitamento de todo tipo de violencia exercida sobre as mulleres e no reto de acadar unha igualdade de oportunidades real e efectiva entre mulleres e homes.
Valoraranse a creatividade, a orixinalidade e as creacións propias.
Neste concurso preténdese que as e os participantes falen en primeira persoa; a arte será o altofalante dos seus pensamentos, demandas e denuncias. As pezas deberán dar respostas a cuestións coma as seguintes: que é para ti a igualdade?, xa conseguimos a igualdade real de oportunidades entre mulleres e homes?, que cambiarías?, como imaxinas unha sociedade libre de machismo?
O xurado poderá declarar deserto calquera dos premios se considera que ningún dos traballos presentados reúne os requisitos suficientes para ser premiado.
Novena. Acto de entrega dos premios
Estes premios entregaranse nun acto público, convocado para tal fin, no que se poñerán en valor as pezas premiadas e o papel relevante levado a cabo polos centros educativos participantes na procura da igualdade de oportunidades de mulleres e homes e na loita contra a violencia machista.
Décima. Protección de datos
Os datos persoais obtidos nesta convocatoria serán tratados pola Deputación de Pontevedra, en calidade de órgano responsable, coa finalidade de xestionar este concurso.
A lexitimación para o tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha tarefa de interese público ou no exercicio de poderes públicos segundo as normas do réxime local de aplicación.
Os datos persoais obtidos neste procedemento non serán obxecto de comunicación.
As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou revogar o consentimento segundo o previsto en
https://depo.gal/proteccion-de-datos/exercicio-de-dereitos.