A Deputación leva ata Mondariz este venres e sábado o Ciclo Mestre Mateo con “San Simón” e “360 curvas”
A cita do venres terá lugar ás 20:00 horas na Casa cultural de Frades e a do sábado, á mesma hora, na Escola de Lougares
10/11/2026
Mondariz acolle esta semana dúas novas cita co mellor do audiovisual galego da man do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Este venres 13 de novembro ás 20:00 horas na Casa cultural de Frades as veciñas e veciños do concello poderán desfrutar de “San Simón” e o sábado á mesma hora pero na Escola de Lougares de “360 curvas”.
“San Simón” trátase dunha longametraxe centrada no campo de concentración de San Simón, un antigo lazareto que destaca pola súa insularidade, converténdose nun lugar de morte onde os prisioneiros sofren a represión rodeados dunha beleza abafadora. Pola súa banda “360 curvas”, finalista na categoría documental, representa as 360 curvas que separan A Fonsagrada de Lugo, un camiño longo, difícil e descendente entre montañas que serve como metáfora do declive dun lugar que, a comezos dos anos 90, decidiu loitar pola súa supervivencia.
A programación da nova edición do Ciclo Mestre Mateo desenvólvese este ano tamén no Campo Lameiro, A Estrada e Oia. No marco deste ciclo cada concello pode acoller oito proxeccións de cintas que resultaron finalistas nos Premios Mestre Mateo deste ano, con catro títulos de ficción (“Antes de nós”, de Ángeles Huerta, “As liñas descontinuas”, de Anxos Fazáns, “San Simón”, de Miguel Ángel Delgado, e “Sirāt”, de Oliver Laxe) e outros catro documentais (“360 curvas”, de Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández, “Ao son da nova regueifa”, de Manolo Maseda e Saúl Rivas, “Deuses de pedra”, de Iván Castiñeiras Gallego, e “O silencio herdado”, de Lucía Dapena González).