Luis López enxalza o “idilio permanente” da provincia de Pontevedra co deporte que representa a acollida de 5.000 deportistas de 83 países nun evento de impacto global

O presidente provincial participa no acto de apertura a catro días nos que a cidade se converterá na capital mundial do deporte das tres disciplinas

23/09/2026

Luis López enxalza o “idilio permanente” da provincia de Pontevedra co deporte que representa a acollida de 5.000 deportistas de 83 países nun evento de impacto global

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, enxalza o “idilio permanente” da provincia de Pontevedra co deporte, unha relación estreita, estratéxica e de longa traxectoria que esta semana queda representado na acollida das finais das Series Mundiais de Tríatlon, un evento de impacto global que trae ás Rías Baixas a máis de 5.000 atletas de 83 países distintos durante os vindeiros catro días de competicións. O mandatario provincial participou, xunto co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e os dirixentes das federacións española e internacional de tríatlon, Antonio Fernández e José Hidalgo, na inauguración do evento que tivo lugar na Praza de España que comezou co multitudinario desfile de bandeiras polas rúas da zona vella da cidade.

“Hai poucos lugares no mundo que naceran para ser, como somos, a provincia do deporte. Porque somos un espectacular estadio ao aire libre, os 365 días do ano; porque mesturamos grandes estrelas do deporte —dixo lembrando o doblete de Gómez Noya e Pablo Dapena nos mundiais de longa distancia do 2029 celebrados tamén en Pontevedra—cun deporte de base prometedor que madura nunha factoría de referencia mundial: o Centro Galego de Tecnificación Deportiva; e porque sumamos a experiencia e mestría na organización de eventos coa hospitalidade que deriva de que Rías Baixas sexa unha das mellores marcas turísticas de Europa”, explicou Luis López diante de participantes e amantes do deporte por que Pontevedra é a provincia do deporte.

Ao longo das vindeiras catro xornadas, o centro de Pontevedra será escenario das finais das series mundiais de tríatlon masculina e feminina en categoría elite, sub23, júnior, grupos de idade, paratríatlon e relevos. Unha ampla axenda que se completa coas finais da disciplina de aquabike, así como cunha extensa programación de actuacións musicais ao longo de toda a semana.

“Hai lugares no mundo que perderían parte do seu ADN se lle extirpamos o deporte. Que sería de Boston, sen a súa maratón?, que sería de Le Mans, sen as súas 24 horas?, ou que sería de Wimbledon, sen o seu grand slam? Pero, se formulamos a pregunta á inversa, hai deportes que quedarían orfos sen a súa cidade de referencia. Que sería da Fórmula 1 sen Mónaco?, ou que que sería do Ironman sen Hawai? A estas alturas creo que xa cómpre preguntarse: Que sería de Pontevedra sen o tríatlon ou do tríatlon sen Pontevedra? O tríatlon non naceu en Pontevedra, pero esta é a súa casa. Pontevedra e tríatlon son unha mesma cousa. Unha alianza que mestura compromiso, paixón, épica e un escenario, como as mellores historias do deporte”, exclamou o mandatario provincial para darlle a benvida a toda a extensa familia que o tríatlon ten repartida por todo o mundo.

Antes de convidar a todos as persoas que pasan estes días nas Rías Baixas a desfrutar do deporte e das múltiples experiencias que ofrece a provincia, Luis López repasou os diferentes atractivos que están espallados por todo o territorio. “Somos as rías, a auga, o albariño, as illas Atlánticas, as bateas, o Camiño de Santiago, o Museo de Pontevedra; somos a cultura do mar e a terra, a gastronomía... Pero no noso ADN tamén está o deporte”, enumerou López as razóns polas que “quen proba Pontevedra, quen proba Rías Baixas, sempre repite. Iso lle ocorreu á familia do tríatlon aló polo ano 2008 coa primeira Copa de Europa celebrada aquí e que desembocou con esta dobre da final das series mundiais en 2023 e 2026 e lle ocorre aos milleiros de visitantes que chegan ás Rías Baixas, que cada ano son máis e procedentes de países de todo o mundo”, concluíu o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.