Luis López e Ledicia Costas conversan sobre Vigo, o futuro do galego ou a recuperación do Cine Fraga no segundo episodio do podcast da Deputación “Minutos Extra”

O presidente provincial e a escritora distinguida co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil reflexionan sobre a recuperación do emblemático espazo cultural na cidade olívica: “Era unha mágoa ver ese símbolo da cidade durmido, estou desexando que esperte”, afirma a viguesa

29/06/2026

Luis López e Ledicia Costas conversan sobre Vigo, o futuro do galego ou a recuperación do Cine Fraga no segundo episodio do podcast da Deputación “Minutos Extra”

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a escritora viguesa Ledicia Costas protagonizan o segundo episodio do podcast “Minutos Extra”, un espazo promovido pola Deputación para a conversa cos rostros extraordinarios da provincia. Nesta segunda entrega, López e Costas comparten tanto confesións persoais como as súas propias reflexións sobre Vigo e a influencia da cidade na obra de Costas. “Vigo está sempre presente, pero cambieille o nome, no literario chámase Merlo. Vigo é fantasía pura”, desvela a escritora. Un dos espazos máis emblemáticos da cidade é o Cine Fraga, que está a recuperar a Deputación, e que ocupa un espazo destacado nas lembranzas da escritora. “Como viguesa, eu as primeiras películas que vin foi no Cine Fraga e alí foi a primeira vez que pisei un escenario”, revive Costas, quen admite que “era unha mágoa ver ese símbolo da cidade durmido, espertar de novo o Fraga estou desexando que ocorra e poder achegar o meu gran de area”.

Ledicia Costas é unha escritora viguesa recoñecida co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e autora de destacadas obras tanto de literatura infantil e xuvenil como para público adulto nas que a súa cidade está sempre presente e moitas veces envolta nun clima de fantasía, que nunca falta nas súas historias marcadas por un estilo xa coñecido como dark riquiña. “Eu desde nena teño debilidade por todo o que ten que ver co gótico, pero tamén riquiña porque eu entendo a xenerosidade e a amabilidade como unha maneira de estar e en Galicia temos ese termo riquiño que abrazo con todas as miñas forzas”, explica a autora, quen confesa que a súa cidade é sempre protagonista das súas obras. “O relato das Rías Baixas é un relato que está moi ben contado”, recoñece igualmente a autora.

O galego é outro dos rasgos que máis identifican á Ledicia Costas, aínda que non sempre foi o idioma que falou. “Eu son neofalante e orgullosa porque eu levei a lingua galega á miña familia. Hai que agarrar a causa do galego, é fundamental que non rompa esa cadea de transmisión“, defende a viguesa, quen promove en colaboración coa Deputación un festival que xa é toda unha referencia nos eventos culturais de Galicia. “O Hematofesti é motivo de orgullo que nace para homenaxear a Miguel Ángel López, o Hematocrítico, que era unha festa de persoa e o transformamos nun festival que ten que ver coa cultura popular, coa música, coa literatura... Estou moi contenta que estea medrando tanto e tan rápido”, celebra Ledicia Costas nunha charla gravada no Museo de Pontevedra e que xa está dispoñible para a súa visualización na plataforma DepoPlay da Deputación, así como nas canles oficiais das súas redes sociais.

Pódese acceder ao segundo episodio de Minutos Extra con Ledicia Costas na plataforma provincial Depoplay e proximamente nas canles de redes sociais da Deputación: https://play.depo.gal/slider/videos/episodio-2-minutos-extra-ledicia-costas

Galerias de imaxes