Luis López presenta Entre Pontes Trail & Running, o novo circuíto da Deputación que levará seis probas pola provincia para consolidala como referencia deportiva

O domingo 20 de setembro celebrarase a primeira das seis xornadas, unha 10k entre A Illa de Arousa e Vilanova de Arousa cuxas inscricións abrirán este mércores

03/08/2026

Luis López presenta Entre Pontes Trail & Running, o novo circuíto da Deputación que levará seis probas pola provincia para consolidala como referencia deportiva

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este luns no exterior do Pazo provincial Entre Pontes Trail & Running, a nova gran experiencia deportiva deseñada pola institución provincial que se desenvolverá a partir de setembro nas comarcas de Vigo, O Salnés, Pontevedra, O Morrazo e Deza-Tabeirós. Acompañado polos vicepresidentes Luisa Sánchez e Rafa Domínguez, así como os deputados provinciais Jorge Cubela e Javier Tourís e representantes dos concellos onde se celebrarán as seis probas do circuíto, Luis López destacou que esta iniciativa “impulsa a Deputación na descentralización de eventos deportivos, nos reforza como referentes en sustentabilidade ao mesturar deporte e natureza e nos consolida como un destino onde o turismo e o deporte van da man”.

O presidente da Deputación asegurou que Entre Pontes Trail & Running é “unha nova proposta que vai potenciar os hábitos de vida saudables ao tempo que dá a coñecer enclaves naturais e urbanos das Rías Baixas e dinamizará as economías dos concellos”. Das seis probas que conforman o circuíto tres serán carreiras urbanas de 10 km e tres trails de 14 km, todas elas “gratuítas e deseñadas para as familias, con andainas, actividades para a infancia e a mocidade e un peso importante do compoñente gastronómico”. O presidente sinalou que “nunca antes se impulsou desde a Deputación un proxecto destas características”.

Entre Pontes Trail & Running ofertarase entre finais do mes de setembro e finais de novembro, “fóra da temporada alta de verán, para seguir potenciando este destino turístico”, asegurou o presidente da Deputación, que adiantou que “o vindeiro mércores presentaremos a primeira carreira, entre A Illa de Arousa e Vilanova de Arousa, e abriremos as súas inscricións” (as inscricións para as cinco probas restantes abriranse a medida que se vaian presentando). Trátase, salientou López, de “seis probas deportivas, seis concellos, seis contornas envexables e seis razóns para seguir demostrando que somos a provincia do deporte”, reafirmando “o compromiso da Deputación con ser a provincia do deporte, desde o que perseguimos obxectivos como o fomento de hábitos saudables, a dinamización da economía, o contacto continuo coa natureza ou a proxección máis alá das nosas fronteiras de que somos un destino que se pode desfrutar realizando deporte, entre outras das nosas fortalezas”.

Pola súa banda, a vicepresidenta Luisa Sánchez asegurou que este circuíto de turismo activo nace cun dobre obxectivo: “achegar o deporte ao territorio e descubrir a provincia a través do trail e da carreira”, motivo polo que agradeceu a colaboración dos concellos e deputados implicados “por todas as súas achegas e propostas”. A vicepresidenta asegurou que Entre Pontes Trail & Running se encadra dentro dun modelo deportivo “accesible, sostible, descentralizado, que fomenta os hábitos saudables e a participación cidadá, e trata de converter Pontevedra na provincia que máis eventos ten ao aire libre”. A vicepresidenta asegurou que “sabemos que haberá unha segunda edición”, algo que confirmou tamén o presidente Luis López ao afirmar que o circuíto “terá continuidade ao longo dos próximos anos”.

Todas as probas serán de balde e agárdase unha participación de arredor de 800 persoas en cada unha das xornadas. A estrea será o domingo 20 de setembro coa 10k entre a ponte de acceso á Illa de Arousa e o porto de Vilanova de Arousa, unha proba cronometrada cun desnivel de arredor de 33 metros e un máximo de 500 participantes. Entre Pontes Trail & Running continuará o 12 de outubro cun trail en Vigo, o 25 de outubro cunha 10k en Gondomar, o 1 de novembro cun trail en Cerdedo Cotobade, o 22 de novembro cunha 10k en Pontevedra e rematará o 29 de novembro en Moaña cunha proba de trail. Ademais, tamén se organizarán para cada xornada unha andaina popular para 150 persoas e carreiras infantís en circuíto pechado, tamén cun máximo de 150 participantes. Tralas probas e as actividades paralelas, as xornadas rematarán cun servizo de restauración móbil cun food trucks.

O circuíto continúa a senda iniciada pola Deputación a través de Turismo Rías Baixas en abril co trail Entre Castelos Rías Baixas, que conectou Sobroso e Soutomaior cunha experiencia de deporte e promoción do patrimonio histórico e paisaxístico da provincia dentro da campaña A túa meta, o teu destino. A proba principal foi un trail de case 26 quilómetros, desde Sobroso ata Soutomaior pasando por contornas forestais características da provincia, e incluíu tamén unha andaina non competitiva de preto de 9 quilómetros e mais unha carreira infantil para nenos de 6 a 12 anos. A actividade foi un éxito, coa participación de 775 persoas, datos que serviron de base para a estimación de participantes en Entre Pontes Trail & Running.

Galerias de imaxes

audios

Luis López

Luisa Sánchez