Luis López convida en Madrid a descubrir a Festa da Rosa de Mos, unha cita que representa a riqueza cultural, gastronómica e natural do destino turístico Rías Baixas
O mandatario provincial participa na Casa de Galicia de Madrid na presentación da edición número 53 dunha celebración declarada de Interese Turístico de Galicia
26/05/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, define a Festa da Rosa de Mos como unha parte “singular e extraordinaria” dun todo, o destino turístico Rías Baixas, “formado por 61 concellos, cargado de atractivos e ligado á sustentabilidade, á natureza e ao territorio”. Fíxoo na Casa de Galicia en Madrid, “a casa de todos os galegos e galegas na capital”, onde tivo lugar a presentación da edición número 53 da Festa da Rosa, que se celebrará no Concello de Mos o vindeiro 13 de xuño, nun acto no que o mandatario provincial estivo acompañado pola alcaldesa Nidia Arévalo, o director da Casa de Galicia, Luis Ramos.
“Festa da Rosa de Mos é sinónimo de cohesión, pois involucra ano tras ano a todos os colectivos e a toda a veciñanza da contorna; é sinónimo de riqueza patrimonial, porque por tanto en valor a rosa de Mos como a nosa gastronomía, o enoturismo ou a cultura; e é sinónimo de proxección internacional, porque está declarada como festa de interese turístico de Galicia”, salientou o presidente Luis López sobre unha cita que inclúe a exaltación da empanada de millo que preparan ás integrantes da Asociación de Mulleres Rurais de Mos e tamén a Feira do Viño Rosado de Galicia. O dirixente recoñeceu tamén o labor da alcaldesa Nidia Arévalo polo seu compromiso á hora de divulgar os atractivos culturais, patrimoniais e turísticos do seu concello en calquera parte do mundo.
Neste sentido, o presidente provincial tamén amosou a súa satisfacción por ter a oportunidade de promocionar as Rías Baixas nun espazo como a Casa de Galicia de Madrid. “Non é a primeira vez que teño o pracer de visitar este edificio nin de dirixirme ao público desde este atril. Pero recoñezo que sempre é emocionante porque nunca deixo pasar unha oportunidade de poñer en valor a riqueza da provincia e das Rías Baixas. E moito menos nun foro tan especial coma este”, recoñecía o mandatario provincial antes de lembrar a súa anterior visita a este inmoble. “O que nos trae esta vez á Casa de Galicia en Madrid non é a presentación da campaña de Turismo Rías Baixas no marco de Fitur. Iso fixémolo o pasado mes de xaneiro, pero aproveito para informarvos que a campaña vén de colleitar o seu primeiro galardón: o Silver Tower en Nova York”, subliñou López.
O motivo desta visita á capital do país foi a presentación da Festa da Rosa, unha celebración que, segundo dixo Luis López, “é un de eses valiosos ingredientes que forma parte dunha receita deliciosa como é o destino Rías Baixas”. Unha provincia que este ano se presenta ao mundo como un “polideportivo ao aire libre”, un territorio aberto ao turismo deportivo “tanto para os amantes da actividade física como para desfrutar de grandes eventos internacionais”. Citando o lema da campaña de promoción do destino deste ano, o presidente Luis López convidou a todo o mundo a achegarse á provincia para vivir a Festa da Rosa de Mos este vindeiro mes de xuño ou en calquera época do ano porque “Rías Baixas é a túa meta e o teu destino”.
